«O deporte sairá beneficiado da crise»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

cedida

Converteu a plataforma de inscricións nas probas que organiza a súa empresa nunha ferramenta que permite realizar doazóns para a loita contra o covid-19

08 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Como a tantos outros, a corentena obrigou ao exciclitsa Ezequiel Mosquera a frear por completo a actividade na súa empresa, Emesports, dedicada á organización de eventos deportivos. El, afeito a longas e intensas etapas, negouse a descansar e deulle voltas á cabeza ata que ideou unha fórmula para achegar o seu grao de area a esta crise: dedicou a plataforma de Internet que abrira para xestionar as inscricións nas diferentes probas á recadación de fondos para a loita contra o coronavirus. A esta iniciativa, bautizada como Veciño solidario, sumáronse máis de corenta concellos galegos, entre os que se atopan os de Boiro, Carnota, Dumbría, Lousame, Muros, Muxía, Noia, Outes, A Pobra, Porto do Son, Rianxo e Ribeira.

A través deste portal, calquera pode realizar a súa doazón a partir de tres euros, elixindo a que concello vai dirixida. Despois será a administración local a que decidirá a forma de facerlle chegar ese diñeiro a aqueles que máis o precisan, ao tempo que pode optar por sumar fondos para a investigación do covid-19. A plataforma funciona desde hai case dúas semanas e leva recadados máis de 3.200 euros. Algún concello xa sumou 1.600: «Nós chegamos á xente do deporte, que é a que está afeita a recorrer á nosa páxina para saber os eventos que temos en marcha e inscribirse, pero logo depende da difusión que cada concello lle dea á iniciativa. Algúns souberon movela moi ben e xa acadaron sumas importantes», explica Mosquera.

Aínda que nun principio a iniciativa se puxo en marcha por un período dun mes, o exciclista sinala que podería prolongarse máis tempo, pois está convencido de que a empresa aínda tardará en poder volver á súa actividade: «A nosa situación é coma a das orquestras, seremos dos últimos en volver». Recoñece que é imposible cumprir as medidas de precaución impostas nas probas que organiza Emesports, polo que só lle queda confiar en que o virus se relaxe: «Confío en que, de aquí ao verán, se atenúen os contaxios e teñamos un fármaco que evite as mortes, para poder así recuperar a celebración de eventos deportivos».

Como ciclista de primeiro nivel que foi, non perde con facilidade a ilusión e a esperanza. Neste caso, ata mira con optimismo cara o futuro: «O deporte sairá beneficiado da crise, porque hai moita xente que antes non o practicaba e agora está empezando, e boa parte desas persoas vanse enganchar. En canto se poida, terán que abrir a man, porque a xente demanda eventos deportivos». Argumenta que a última crise económica xa provocou unha explosión de afeccionados: «Foi a partir do 2009-2010 cando se empezaron a encher as estradas de ciclistas e de corredores, porque moitas persoas que quedaron sen traballo optaron polo deporte para matar o tempo e despexar a cabeza. O deporte é un camiño de non retorno, o que proba xa non o deixa de lado nunca máis».

Interese social e turístico

Por esa demanda que percibe na sociedade, non dubida á hora de sinalar que as probas deportivas de carácter popular regresarán: «Iso seguro, porque a xente as vai reclamar. As persoas que se afeccionan a correr ou a andar en bicicleta márcanse os seus obxectivos a nivel de carreiras, sempre acaban demandando ese punto de emoción. E logo está o interese que teñen estes eventos a nivel turístico, un sector que vai quedar moi tocado con esta crise. O deporte vai ser a escusa perfecta para motivar de novo á xente a saír».

El fala por experiencia. Está enganchado ao deporte desde que era un neno e o obrigado encerro non foi quen de frealo: «Recorrín ao rodillo, a máquina de tortura que tanto odiaba cando era corredor». Recoñece que o parón lle veu ben para descansar dunha vida estresante, aínda que teme polo futuro da súa empresa: «Estabamos preparados para afrontar o segundo trimestre, cun feixe de citas marcadas na axenda, e tivemos que parar en seco. Agora existe gran incerteza sobre o futuro».