Dolores Brea: «A min non me gusta quedar atrás, non podes dar información obsoleta á xente»

A muradá imparte clases en diversas disciplinas e nestas xornadas de confinamento non deixa de adestrar


outes / corresponsal

Antes de decretarse o confinamento, a ninguén lle estrañaba pasear polas rúas de Muros e cruzarse con xente realizando actividade física, ben fora camiñar ou correr. Non sempre foi así, e aínda que non pode asegurar con certeza ser a responsable directa, o certo é que Dolores Brea xogou un papel fundamental no impulso do deporte entre os muradáns, especialmente entre as mulleres. Cunha amplísima formación, licenciouse en INEF e especializouse en Dirección e Xestión de Eventos Deportivos, un camiño que dende cativa tivo claro que quería seguir. «Sempre me gustou o deporte», manifesta, e culpa ao seu irmán de introducila no mundo deportivo.

Nos seus primeiros anos probou diversas disciplinas, ata que rematou por formar parte do Club de Baloncesto Muros, competindo ata a súa disolución cando a meirande parte das integrantes comezaron os seus estudos fóra da vila muradá. Con todo, antes diso conseguiron proclamarse campioas galegas nun momento no que, tal e como sucedía noutras pequenas localidades da bisbarra, apenas había equipos femininos, «unha mágoa porque estabamos nunhas idades nas que había demanda». Brea compatibilizou os seus estudos co traballo, arbitrando para o Basquet Coruña e exercendo de socorrista nos veráns, entre outras actividades. Así mesmo, nunca deixou de formarse e continuou a realizar cursos, feito ao que sempre lle deu moito valor, porque «vas aprendendo doutra xente e mellorando día a día». Con este mesmo espírito que sempre a caracterizou, comezou a traballar na piscina municipal de Muros no 2009 tras pasar por outros concellos coma Outes, onde estivo dando clase de patinaxe e predeporte para nenos. Brea imparte unha ampla listaxe de cursos para os usuarios da piscina, aínda que comenta que as que máis éxito teñen entre os veciños son as clases de zumba, nas que participan persoas de todas as idades: «A xente anímase moito».

Pero a actividade de Brea non se limita só ás instalacións municipais, xa que pola súa conta da cursos de hipopresivos, unha disciplina pola que se interesou tras quedar embarazada do seu primeiro fillo, e comezou a investigar e formarse en deporte para a muller. Sobre este costume de continua actualización formativa, comenta que «a min non me gusta quedar atrás, non podes dar información obsoleta á xente».

As orixes

O papel que Dolores Brea tivo na promoción da Carreira da Piscina foi fundamental, e habería que remontarse ao ano 2010 para facer un rastrexo da súa orixe. Por aquela, Brea conseguiu xuntar a un bo número de veciñas de Muros interesadas en acudir. Tras semanas de preparación fixeron falta dous autobuses para trasladar ás participantes na primeira edición da Carreira da Muller, que tivo lugar en Santiago, e onde levaron o premio ao grupo máis numeroso. O que máis sorprendeu a Brea foi a gran acollida que tivo entre as maiores. «Fixen que a xente comezara a camiñar», comenta, puntualizando a importancia de fomentar estes hábitos «nunha idade súper importante». A partir dese momento, a muradá comezou a organizar a Carreira da Piscina, que na súa primeira edición, no 2012, chegou aos 700 inscritos de todas as idades. Tanto nenos coma xente maior animáronse a participar nun evento que se celebra todos os anos e que serve para colaborar con Cáritas de Muros.

Brea, quen declara non gustarlle o deporte de competición, destacou que a Carreira da Piscina foi o primeiro encontro destas características onde se incorporou a categoría biberón, inundando os arredores das instalacións deportivas de pais con carriños dispostos a facer algo de exercicio. «Non quería resaltar a competición, buscaba que fora unha festa para todos», expresa.

Dolores Brea continúa a practicar deporte fóra das súas horas laborais. Segundo comentou, compite en probas de duatlón e triatlón que se celebran por toda a comunidade e colabora co Club de Remo Muros cando precisan dunha remeira. Aínda así, puntualiza que non se obsesiona e que a súa materia pendente é coidar un pouco máis a alimentación. Aposta polo deporte saudable e considera que «hai que ter un equilibrio e coidarse».

O confinamento ao que nos vemos abocados tamén chegou á vida de Brea, pero di levalo bastante ben. Organízase para seguir unha rutina de adestramento propio, con exercicios hipopresivos e ioga, ao mesmo tempo que da clases de zumba os martes e venres a través do Facebook. Pola tarde, adestra co seu fillo maior e vai alternando sesións de spinning con exercicios de forza. Iso si, non perdoa o bocadillo e a cervexa da cea, facendo gala do mundialmente coñecido mens sana in corpore sano.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Dolores Brea: «A min non me gusta quedar atrás, non podes dar información obsoleta á xente»