Juan Fernández: «O club sempre foi e será unha familia»

A. parada RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

CLUB REMO MUROS

Tralo relevo do histórico Lucho, a actual directiva nace cos retos de manter o nivel da canteira e a mellora dos recursos

26 dic 2019 . Actualizado a las 10:17 h.

Pódese dicir que Juan Fernández Mosquera (Louro, 1982) leva o remo muradán pegado á súa alma. Curtido nas filas do Club de Remo Muros dende os 16 anos, tamén vogou varias tempadas na ADR Esteirana e foi técnico na entidade de Rianxo un ano. Ademais, representa unha das pezas clave do rearme de Muros no 2015, cando Mino o chamou a filas ante a gran cantidade de rapaces que querían continuar na escola despois dun gran verán, maila necesidade de músculo na traíña. Non é de estrañar que este currículo contase con avais para darlle o relevo ao histórico presidente Eladio Ferreirós, Lucho.

-Como tomou a decisión de coller as rendas do club?

-Xa nos ofreceran meternos na directiva hai dous anos, pero estabamos bastante cargados co traballo e cos adestramentos. Nesta ocasión, por motivos laborais non podía prepararme para remar na Liga Galega de Traíñas A. Non ía estar ao nivel, pero quería botar unha man. Trátase dun proxecto de certa continuidade, xa que da anterior directiva quedaron case todos os membros, pero incorporei a xente nova para que se apoie e aprenda dos anteriores. Sobre todo, tamén procurei que entrasen os mozos, para que sexan conscientes das necesidades ou problemas que existen no club.

-Cales cre que serán os grandes retos que afrontará a entidade durante seu mandato?

-Por un lado, non queremos desviarnos da liña de control de gasto da anterior directiva, pero tampouco podemos estancarnos cando estamos en pleno crecemento. Fai falla dar un paso adiante e ir cumprindo metas. Temos uns recursos moi limitados, xa que por non ter, non temos unhas instalacións propias con equipamento para adestrar. O segundo máis importante sería unha furgoneta de nove prazas con gancho de remolque para acudir ás regatas, pero, para comprender o prezo deste deporte, tamén nos romperon dous remos e iso son uns mil euros.

-Cales son os obxectivos deportivos para esta tempada?

-O obxectivo máis vital de todos é manter as categorías inferiores, a canteira, e logo ter unha traíña competindo na liga A ou na B. Por que esta orde? É fundamental poder darlle a oportunidade aos rapaces de que remen. Se non a teñen, van marchar a vogar a outro club e non regresarán. A nivel desta tempada, un resultado bo para nós sería manter a categoría, e o vindeiro ano podemos aspirar a avanzar postos na táboa. Temos proxecto de futuro, xa que entre outros remeiros contamos cos xuvenís que se proclamaron campións de España cadetes de bateis e de lläut.

-Ve viable sacar traíña feminina na Liga Galicia Calidade?

-É complicado, pois supón o dobre de gasto, e temos remeiras, pero imos un pouco xustas. Neste momento estamos a tratar de buscar alianzas con outros clubs de bisbarra.

-Que significa para vostede o Club de Remo Muros?

-O club sempre foi e será unha familia. Estou convencido de que unha cousa é ter compañeiros de troula e outra moi distinta é poder contar con quen estivo ao teu lado sufrindo e dándoo todo xuntos. Iso non se esquece nunca por moito que pase o tempo.

CLUB REMO MUROS