Antía Rey: «Queda moito camiño por percorrer»

P. BRETAL RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

JORGE PARRI

A de Esteiro é unha peza clave no bloque muradán das Miúdas, que traballa para volver a colocar ao conxunto onde merece

13 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As Miúdas gañaron a pulso o título de ser un dos equipos revelación da bisbarra no fútbol feminino, pero as de Fran Figueroa tiveron que afrontar varias marchas clave este curso. Antía Rey Abeijón (Esteiro, 2001), quen portou durante as dúas últimas tempadas o brazalete de capitá, representa á perfección ao núcleo de incondicionais que defenderán a toda costa o proxecto deportivo muradán.

-Cal é o seu perfil? Canto tempo leva vinculada ao fútbol?

-Levo practicando fútbol desde moi pequena. Aínda me acordo cando xogaba con Bárbara [Caamaño] no garaxe de súa avoa con 4 ou 5 anos. O meu primeiro contacto co fútbol campo foi hai só tres anos, pero levo xogando ao fútbol sala desde que tiña 6. Empecei na Esteirana tendo como adestrador a Mirás, despois cambiei de equipo e empecei a compaxinar fútbol sala e atletismo nos Atletes de Esteiro. O clube de atletismo pechou, pero o fútbol sala seguiu ata o 2018 que foi a súa derradeira tempada.

-Notan máis duro este curso?

-Esta tempada, a nivel competitivo, é un pouco máis complicada que a anterior, xa que tivemos moitas baixas e chegaron moitas rapazas que nunca xogaran ao fútbol ou que este ano acadan a idade mínima para crear ficha. Eu individualmente afronto esta tempada con optimismo -moi raro en min- e co único obxectivo de crecer como equipo. Evidentemente todas temos ansias de competir e poder estar arriba na tabla, pero cada cousa ao seu tempo. Tanto as novas que chegaron este ano como as que xa estábamos temos a oportunidade de aprender e crecer a base de acertos pero sobre todo de erros.

-E o obxectivo do bloque?

-A única meta que temos as Miúdas este ano é gozar e aprender xogando.

-Como van de gol? Quitouse o sombreiro ante o Touro.

-O gol este ano descendeu un pouco coa saída de Bárbara, pero confío plenamente na dianteira que temos agora. De feito considero que temos unha das mellores da liga. Entre a rapidez de Marta e Ainoa polas bandas, a persistencia de Pati e Iria en punta e a Gala co seu regate e xogo co corpo, paréceme o auténtico pesadelo dunha central. Xa me amola defendelas adestrando, non me quero imaxinar nun partido [sorrí].

-Sente menos peso sen ter que portar o brazalete de capitá?

-Era demasiado abafante para min, e notábaseme moito, así que Fran díxome se quería deixalo para estar máis libre. Sigo a ter a mesma influencia e peso de sempre no campo, pero noto máis capacidade de facer o que queira.

-Foron significativas as marchas de Bárbara e Noelia?

-Obviamente foron unhas marchas que doeron moitísimo a nivel de xogo e de equipo. No eido competitivo perdeuse moito, porque Bárbara meteu 50 goles. E Noelia no medio era Noelia, distribuía moi ben o xogo.

-Como ve o nivel da liga e quen cre que levantará o título?

-Nestes tres anos, considero que é a de menor nivel de todas. Hai moitos equipos novos, como o Cee, que con tantas xogadoras mozas recórdame a nós o noso primeiro ano. O Aguiño ten a mellor medio da categoría, Alitas, e agora conta con Rut, a que dende aquí lle desexo que oxalá quede pichichi, pero tamén ás do meu equipo [ri]. E do Arzúa, aínda que nunca xoguei contra elas, contáronme que lles chegou unha dianteira incrible.

-Como valora a folga do fútbol feminino, lógrase avanzar?

-Supoño que acabaremos gañando algo, pero queda moito camiño por percorrer. O primeiro paso é cambiar antes a sociedade para que todas esas frases de 'non están ao mesmo nivel' acaben por darse cun canto nos dentes. Actualmente, existen demasiadas diferenzas. Por exemplo, O Dépor masculino está en Segunda B como está e o Dépor feminino en primera, pero non ten nin a metade de axudas que o de homes. 

JORGE PARRI

Curtiña e ao pé:

Unha xogadora: Nahikari García.

Un estadio: Riazor.

Un gol: O da final da Copa da Costa máis a celebración.

Un adestrador: Fran [Figueroa].

Un ídolo: Athenea do Dépor.

Unha película: Up.

Un lugar: Os Sete Muíños de Portiño.

A súa comida favorita: Follados.

Un soño: Máis que un soño, unha espiña cravada; a de gañar a Copa da Costa coas Miúdas.

Un equipo de lenda: O Súper Dépor

Outro deporte: Fútbol sala.

Unha canción: Terra, de Dakidarría.