Juan Rey: «Hai catro equipos que están por enriba do resto»

s. Gómez

MUROS

jorge parri

Logo dunha década na que foi de todo no Conxo, dende adestrador a director deportivo, o técnico regresa á Liga da Costa co obxectivo de acadar a permanencia

29 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Rey (Abelleira, Muros, 1968) afronta a súa segunda etapa á fronte do Lira. Logo dunha década na que foi de todo no Conxo, dende adestrador a director deportivo, o técnico regresa á Liga da Costa co obxectivo de acadar a permanencia co conxunto de Carnota.

-Como valora o arranque desta tempada?

-Está sendo un pouquiño irregular, pero xa tivemos diante a algúns dos cocos da categoría. Aínda estamos empezando a competición.

-E como ve o nivel da liga?

-De momento é moi cedo, creo que comparado con outros anos hai catro equipos que están por enriba do resto.

-Cales serían?

-San Lorenzo, Ponteceso, Corme e Esteirana. Creo que están un pouco por enriba dos demais. A partir de aí, nesta liga calquera pode gañar a calquera.

-E o voso obxectivo cal sería?

-Non pasar apuros para manter a categoría, facer canto antes 45 puntos.

-Que fútbol lle gusta que xoguen os seus equipos?

-Sempre aposto por xogar un fútbol combinativo, ter a posesión. O noso estilo e os nosos xogadores son para iso. Son dese nivel, con calidade para ter o balón. E por iso apostamos.

-A que achaca a irregularidade deste arranque?

-Empezamos moi ben, pero é un equipo novo, con moitas caras novas. Toca seguir crecendo, que as últimas incorporacións se vaian compenetrando e adaptando ao que queremos e temos planificado.

-Esta é a súa segunda etapa no conxunto de Carnota. Por que decidiu volver?

-Estivera fai dous anos para a segunda volta. Estaban pasando un momento delicado e conseguimos a permanencia. Non tiña pensado adestrar máis e o ano pasado paseino sen fútbol. No Lira deixei bos amigos nesa etapa, teñen unha directiva moi traballadora e comprometida e coñecía practicamente a todo o equipo. Sabía que había un grupo humano moi bo e iso foi o que me animou a volver.