Domingo Sestayo: «O mar é duro, pero grazas a el eduquei aos fillos»

Francisco Brea
FRAN BREA RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

Laura Martelo

O muradán obtivo con 14 anos a cartilla de navegación e pasou toda a vida no barco ata que se xubilou

19 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sentado no salón da súa casa, mirando ao mar, Domingo Sestayo Lestón (Muros, 1941) recorda a súa vida, sempre ligada a esas augas ás que non lle quita ollo: «Con 9 anos eu acudía á escola en Muros, pero tamén ía á praia da Virxen a coller miñocas para que meu pai fose pescar». Xa con 12, «andaba a pescar ollomoles e pescada. Había moitísimo peixe». Aínda así, Domingo non deixa de preguntarse «por que con tanta abundancia de pesca estabamos economicamente e socialmente tan mal».

Con 14 anos, o muradán obtivo a cartilla de navegación e traballou nunha embarcación da zona: «Era un barco con tres rapaces como eu. Fun para o mar un pouco á forza, obrigado. Aínda así, eu sempre quixen traballar, cumprir e superarme». No ano 1963, tras rematar a mili, Domingo enrolouse nunha navieira española. «Eu non me movín dela, pero os galegos sempre fomos cara arriba. Polo que teño escoitado, cando dicían que eran de Galicia podían embarcar onde quixeran. Había un gran sentido da responsabilidade polo escravos que fomos de rapaces».

Un deserto de auga

Sen deixar de mirar pola fiestra, o muradán reflexiona: «Miras ao mar e parece un deserto, que morreu. Aqueles corenta ou setenta motores que estaban collendo pescada desapareceron». Así, Domingo fai memoria e narra como el tivo un barco propio e recorda a súa familia. «O mar é duro, pero grazas a el eduquei aos meus fillos. Eles estudaban en Santiago e cando viñan as fins de semana ou os festivos axudaban na casa e co barco. Ao mar non me quixo vir ningún». Precisamente, por estar máis preto da súa familia, Sestayo, tras navegar polo mundo durante case vinte anos, decidiu ter unha embarcación en Muros.

Non foi fácil: «O mar é como un monstro, non te podes fiar. É traizoeiro. Unha vez, cando xa viña para a casa, pola zona de Monte Louro, sorprendeume un golpe de mar e case me dá a volta». O muradán recoñece que tivo que arriscar en moitos momentos, e que se enfrontou a diversos temporais por saír a traballar. Tamén lle tocou esforzarse, xa que «tiven que sacar o título de patrón. Eu o que sabía o aprendera da práctica». Pero non o dubidou e fíxoo para, con moito traballo, ter a súa embarcación con catro ou cinco mariñeiros.

«Non descansaba, porque ao rematar xa pensaba a onde había que ir ao día seguinte. O de hoxe está feito, pero mañá é outro día», comenta. A pesar diso asegura que o levaba ben, aínda que non parase: «Cheguei ata a fronteira de Portugal, e por aquí ata as Sisargas. Collíase de todo, había moito linguado e marisco. Recordo barcos nesta zona que chegaban cargados de bois, pero agora xa desapareceron».

Nos anos de patrón de Domingo, os avances tecnolóxicos non se achegaban nin de preto aos actuais. «Para os da miña idade, a tecnoloxía máis grande foi o radar. Agora da gusto sentarse, é como estar vendo a televisión e todo vai por satélite».

Cascos da guerra

O muradán lembra como a zona de Fisterra era boa porque no fondo «había un cemiterio de barcos das guerras». Para localizalos, o radar era fundamental: «Tiña que loitar con el, metendo a cabeza no escafandro nunha postura moi incómoda. Así chegaba á casa coa cara toda marcada e a miña muller preguntaba onde estivera metido». Pero os esforzos pagaban a pena, xa que «recollías meros, congros, douradas... estiven en petroleiros ou en cascos de embarcacións de torpedos da guerra, onde se resgardaban moitos peixes».

Iso ocorría noutros tempos, matiza Sestayo, xa que agora «os cascos están tapados polo nailon, que fixo moito dano. Eu tamén me sento culpable, pero había que subsistir. Cando te achegabas ao perigo era onde máis collías, pero tamén rompían as redes e alí quedaban».

Aínda coa vista posta nas augas que bañan o seu Muros natal, Domingo recoñece que a súa vida foi dura, pero tamén di con firmeza que «estou satisfeito. Tanto eu como a miña muller. Criamos cinco fillos e temos 11 netos. Tivemos sorte nós e a tiveron eles. Estou contento». Por iso, este home que dedicou gran parte da súa vida a traballar no mar o ten claro: «Se me preguntan se volvería a facer a miña vida de novo, contestaría que si, que repetiría. Houbo fallos e erros, tanto profesionais como persoais, pero non saíu tan mal a cousa. Volvería a facer o mesmo».

o detalle

Domingo Sestayo criouse nunha familia na que eran 13 irmáns. O seu pai era pescador e el xa con 9 anos ía á praia da Virxen a coller miñocas para que o seu pai puidera traballar. No 1963 enrolouse nunha navieira e percorreu o mundo. Navegou por África e lugares como o estreito de Magallanes.