Loito en Muros polo fútbol de pago

La Voz CAIXA DE CORREO

MUROS

10 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Puede enviar sus textos a redac.barbanza@lavoz.es

S emella que hai unha enorme tristeza porque as xornadas futbolísticas do Celta se celebren en Carnota e non en Muros. Semella que unha mágoa inunda algunhas conciencias porque sexan outros os que paguen por unhas xornadas, usando instalacións municipais que son de todos, e a uns monitores que non van aportar nada que non lle esteamos dando os que traballamos durante anos o deporte base gratuitamente e sen excluír a ninguén. Que tristeza ver como os falsos solidarios e demócratas inundan de xurro as redes sociais por non permitir facer negocio nas nosas instalacións e a costa dos nosos rapaces, fomentando así o deporte de pago e impedindo participar aos que non poden pagar. Todos debemos ter os mesmos dereitos, e máis aínda os menores. Mágoa que veñan ensinarnos a facer o que xa sabemos, pois levamos 17 anos traballando sen descanso e con moitas dificultades a pesar da pouca axuda que tivemos ata agora dende a administración local.

Non se foi ás redes sociais cando se trouxeron os cursos de monitor de fútbol base e UEFA B asumindo un enorme gasto, porque apostamos pola formación de adestradores e sempre se quixo o mellor para os nosos rapaces. Cando nos últimos anos non se recibiu ningún tipo de axuda por parte do Concello, a pesar de que lles sobraba a información das necesidades. Cando se celebraban os partidos de Cáritas e a E. D. Os Miúdos aportaba o que tiña na súa caixa. Debemos ter un defecto de forma na percepción de sentimentos.

Cando se impulsaban as finais de fútbol sala para os concellos da comarca e corríase cos gastos, mentres o Concello só aportaba a presenza da máxima autoridade, agás no último ano de mandato que pagaron trofeos e medallas. Dicir que se apoia o fútbol feminino, cando en catro anos das nosas rapazas só se aportaron mil euros para buses, facendo enormes sacrificios para pagar o resto de necesidades.

É lamentable que nos preocupemos polos que veñen de fóra, cando deberiamos facelo polos que traballan o deporte para todos. Isto e outros problemas meirandes que temos non se ven, mais saímos denunciar a suposta censura da Burla Negra. Criticar ao grupo de goberno ou ao concelleiro de turno paréceme perfecto, pois a oposición está para controlar, pero sería mellor buscar outro motivo para este fin. Mellor sería denunciar as carencias e problemas reais que ten Muros, que son moitos. Recesvinto Tajes Sendón. Muros