Fran Romero: O número un da construción en miniatura

Entre os premios que atesoura está o conseguido a nivel mundial cunha maqueta do cruceiro Baleares


ribeira / la voz

Se nada se torce, antes de que remate o ano, o Museo do Mar de Muros engrosará os seus fondos cunha maqueta a escala do Cardenal Cisneros, un cruceiro da Armada española que no ano 1905 se afundiu despois de encallar nos baixos de Meixidos. O autor desta peza é Fran Romero Pedrosa, un veciño da localidade ao que o destino levou a vivir lonxe da súa terra. Desde a súa actual residencia en Logroño, compaxina o traballo de elaboración de viño na adega familiar coa construción de barcos a pequena escala, mantendo así un estreito vínculo co mar que tanto bota en falla.

Entrou neste mundo do modelismo por afección, cando era un mozo que se dedicaba a cargar peixe e a axudar aos mariñeiros de Muros, pero agora pertence á elite do sector. Publica artigos e libros sobre a confección de maquetas e ostenta un feixe de premios, entre os que se atopa un de ámbito internacional. Conseguiuno en Milán, nunha exposición mundial á que presentou unha maqueta do cruceiro Baleares: «Animeime a reproducilo porque foi o barco máis grande que se afundiu en España, deixando un milleiro de mortos», explica Fran Romero, antes de recoñecer que culminar este proxecto non resultou unha tarefa doada: «Había moi pouca información sobre o barco e tiven que contactar con varios museos para conseguir os planos». O esforzo pagou a pena, pois conseguiu o que se pode considerar o galardón máis prezado no sector.

Un cento de medallas

Este non é, nin moito menos, o único premio que atesoura o muradán. Á súa muller débelle, polo menos en parte, as máis de cen medallas que ten, case todas de ouro: «Eu facía traballos para a casa e para amigos, ata que ela me animou a participar en concursos e a expoñer as obras». Acadou galardóns por toda España, un dos máis relevantes a nivel nacional, en Madrid. Cun cruceiro alemán da Segunda Guerra Mundial, o Prinz Eugen, logrou a medalla de ouro na categoría naval, pero tamén se fixo co premio á mellor peza do concurso, e iso que concorrían máis de 1.400 obras chegadas de todo o país.

Mais foi preto da que ata o 2004 foi a súa casa onde Romero se alzou co galardón que para el é o máis prezado: «A asociación Escala da Coruña concedeume o primeiro premio na categoría naval e tamén á mellor peza do certame». Concorría coa mesma reprodución do cruceiro alemán, un traballo do que se sinte especialmente orgulloso: «Foi a maqueta que me colocou no escaparate, pois con ela gañei a medalla de ouro en todos os concursos aos que a presentei».

Con AK-Interactive, a empresa coa que colabora lanzando publicacións sobre a confección de maquetas que son traducidas a unha decena de idiomas, entre os que se atopan o inglés e o chino, este muradán mesmo asesorou ao estudo cinematográfico Universal Pictures para a rodaxe dun filme de Robert Lee Zemeckis, director de títulos como Forrest Gump e Náufrago.

Proxectos e soños

Fran Romero vén de culminar a súa última obra, o acoirazado alemán Bismarck. Non só lle deu forma a unha maqueta do barco, senón que tamén recolleu todo o proceso de elaboración nun libro que xa está na rúa. E xa ten en proceso dúas publicacións máis, unha sobre modelismo naval, que terá como destino China, e outra, pertencente á súa serie Modelling full a head, sobre os destrutores ingleses da Segunda Guerra Mundial.

Mentres, continúa a traballar na reprodución do Cardenal Cisneros, soñando con que no futuro pase a formar parte dun gran museo naval que cobre forma en Muros: «É unha mágoa que un pobo que foi construído a carón do mar non teña unha sala dedicada ao sector naval. Eu tentarei colaborar en todo o que poida, que penso que é moito, para resolver esta carencia».

Quizais poida así facer realidade outro dos seus soños: «Gustaríame reproducir os pesqueiros que había antes en Muros, aqueles barcos de madeira que durante anos constituíron o meu mundo». Sabe que o museo contribuiría a difundir a que é a súa gran paixón: «Antes había moitos muradáns que practicaban modelismo e debería fomentarse máis este tema. Se tivera tempo, non me importaría incluso trasladarlle os meus coñecementos aos máis novos».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Fran Romero: O número un da construción en miniatura