Juan de Dora: «Era un rapaciño con homes»

Este mozo de Louro sempre foi a pasos axigantados na súa carreira futbolística. Agora é dianteiro do Paiosaco de Terceira División


carballo / La Voz

Juan Lado Formoso, Juan de Dora (Louro, Muros, 1998), fará 21 anos o vindeiro domingo. Porén, no fútbol da Costa xa é todo un coñecido polo seu bo facer como dianteiro. Agora viste a camisola do Paiosaco de Terceira División, equipo co que xa marcou tres goles en partidos oficiais da pretempada, se ben é certo que xa comezou a despuntar con 16 anos no Dumbría de Preferente.

-Que tal se está integrando no Paiosaco?

-Pois a verdade é que moi ben.

-Xa se sitúa entre os principais pichichis do equipo.

-Si. O ano pasado foron cinco goles en liga. Este ano quero marcar, polo menos, o dobre.

-Como valora o inicio da liga?

-Empezamos ben contra a UD Ourense, aínda que merecemos máis do que realmente levamos, só un punto, polo que loitamos (1-1 na Porta Santa). No segundo partido, a domicilio contra o Estradense, non entramos ben dende o principio, e así foi ata o minuto 90. Puidemos encaixar uns cantos goles, pero Rama aguantou ben (1-0). Esperemos que todo cambie a partir de xa.

-Que significou para vostede que o Paiosaco o fichara?

-Xa levaban un par de anos detrás de min e iso chamábame a atención, á vez que me facía sentirme orgulloso. Juan Riveiro (o adestrador) xa se fixara en min dende cadete, na súa etapa no Dépor.

-Había interese en renovar co Racing Vilalbés por ambas as partes?

-Non.

-Onde se formou como futbolista?

-No Dumbría, sendo biberón ou prebenxamín, aínda que por aquel tempo non existían esas categorías e, directamente, xogabamos en alevín. Dende sempre me gustou o fútbol.

-Pronto deu o salto á categoría sénior. Por riba, a Preferente. Como asimilou ese cambio?

-Intentaba dar o mellor de min, pero sempre segundo o que me dixera o adestrador e con tranquilidade. Trataba de protexerme dos choques porque eu era un rapaciño, comparado con homes de 20 e 30 e pico anos.

-Cando estivo no Victoria CF coruñés de Liga Nacional xuvenil, como facía para desprazarse?

-Aí foi a etapa na que marchei vivir para A Coruña, con miña irmá, a estudar segundo de Bacharelato.

-Chegou á Terceira División moi novo. Como cambiou a súa vida a partir dese momento?

-Tiña medio apalabrada co Sofán a renovación e chamoume o presidente do Racing dicíndome que estaban interesados en min. E a verdade é que non o pensei moito, e aos poucos minutos díxenlle que si, porque xogar na Terceira era algo que quería lograr na miña carreira futbolística e que sempre tiña na mente. E ese verán foi duro, porque tocoume traballar nun bar en Louro e eran dúas horas e media de camiño e, ás veces, incluso máis, ao xogar partidos de pretempada aínda máis lonxe. Pero valeu a pena.

-Compaxina o fútbol con estudos ou traballo?

-Agora sigo vivindo na Coruña. Estudo e traballo. Teño as prácticas de Técnico Superior en Animación Sociocultural e Turística este mes e, en xaneiro, comezo a traballar como tal. No verán, para sacar uns poucos cartos, traballei na brigada contraincendios de Muros. Leveino ben, xa que só tivemos un incendio pequeno.

-A onde lle gustaría chegar como xogador, ou ata onde se ve capaz?

-A cabeza téñoa moi arriba. Entón, ata onde me leven a sorte e o esforzo.

-Sempre foi vindo cara a equipos da zona de Muros para arriba. É mellor o fútbol da Costa ou o de Barbanza?

-O fútbol da Costa coñézoo ben. Ten algo especial por como o vive a xente e, por todo isto, sen dúbida ningunha, é mellor. De feito, tocoume xogar unha Copa da Costa co Sofán, que era algo que quería facer na miña vida porque sempre oíra falar moi ben dela, e xogaríaa sempre. No Paiosaco tampouco teño queixa. É o equipo que mellor afección ten dos que estiven.

-Aínda que vostede agora se relaciona con grandes elencos, nunca deixou de seguir o seu querido Monte Louro, de Terceira Galicia.

-Si, ata nalgún partido da pretempa moitas veces faltáballe xente e funlles axudar.

-A todo isto, Juan de Dora por que?

-Por miña nai, que se chama Dora, Na miña xeración eramos un cantos Juans xogando no campo. Entón, para diferenciarnos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Juan de Dora: «Era un rapaciño con homes»