María Xosé Alfonso: «Os intereses dos veciños teñen que estar por enriba de todo»

A alcaldesa de Muros espera volver a contar coa confianza dos veciños


RIBEIRA / LA VOZ

María Xosé Alfonso Torres (Muros, 1967) volverá ser a candidata de Compromiso por Galicia ás eleccións municipais do 26 de maio. Indica que tivo un mandato difícil dado que gobernou en minoría, con solo tres concelleiros dun total de 13.

-Como foron estes catro anos na alcaldía?

-Duros, intensos e, ao mesmo tempo, satisfactorios a pesar de todo. Tivemos moitas dificultades porque eramos tres concelleiros e houbo moita inestabilidade na corporación.

-Esperaba ser alcaldesa?

-A verdade é que non. Investíronme alcaldesa co apoio do PSOE para complicarnos a vida a nós e ao PP. Tiñan a esperanza de que non resistiramos moito. Esa foi a dinámica dos socialistas durante todo o mandato, torpedear ao grupo de goberno.

-Conte como foron as relacións cos outros grupos da oposición.

-Co PSOE, moi malas. Xa antes deste mandato non eran boas, pero nestes catro anos foron a peor. O único que pretendían era derrotarnos e votar en contra do que propuxeramos. Co PP foi diferente. En algunhas ocasións chegamos a acordos e co BNG, moi ben. Sempre tiveron unha actitude responsable.

-Por que o seu grupo non foi capaz de sacar os orzamentos adiante no seu mandato?

-Os nosos presupostos están prorrogados dende o 2015, non fomos capaces de sacar ningún adiante. Hai dous motivos importantes. O primeiro, a falta de persoal no Concello. Cambios continuos en Intervención impediunos ter funcionarios adecuados para elaboralos. O outro foi a oposición. Opuxéronse sistematicamente a elo. Chegamos a mandarlles borradores para que fixeran propostas, pero nin se dignaron a devolvelos. Non se vive igual cuns orzamentos prorrogados.

-De que está mais contenta no seu labor ao fronte do Concello?

-Do ambiente de estabilidade e tranquilidade que se creou no Concello, e do aumento da transparencia. Tamén estou moi contenta do que fixemos no departamento de finanzas, das actuacións realizadas en materia de saneamento, da promoción do noso municipio e tamén de rematar estes catro anos ao fronte do goberno cando ninguén apostaba por nós.

-En caso de que non haxa maiorías, como ve os posibles pactos?

-Haberá que agardar, pero non será doado. Os intereses dos veciños teñen que estar por enriba de todo e de cuestións políticas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

María Xosé Alfonso: «Os intereses dos veciños teñen que estar por enriba de todo»