Fran Romero: A xoia naval que axiña estará en Muros

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

cedida

O muradán que reside na Rioxa prepara unha maqueta do Cardenal Cisneros

04 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É un espazo expositivo que está iniciando a súa andaina en Muros, co fin de perpetuar a memoria mariñeira da vila, pero o Museo do Mar xa empeza a apuntar alto. Desde o pasado verán incorporou varios elementos importantes, entre os que destacan dúas embarcacións tradicionais, e hai unha xoia que está de camiño. Trátase dunha maqueta dun barco que marcou a historia naval da localidade, o Cardenal Cisneros, un cruceiro acoirazado da Armada española que no ano 1905 se afundiu despois de encallar nos baixos de Meixidos. Un muradán que reside na Rioxa, Fran Romero Pedrosa, encárgase da súa confección.

A Asociación para a Dinamización do Museo do Mar de Muros (Adimar) leva tempo compilando información sobre este naufraxio, por consideralo un dos máis importante que tivo lugar na costa do municipio: «Temos incluso fotografías de cando chegaron ao porto os tripulantes do barco, que foron rescatados por pesqueiros da vila», explica un membro deste colectivo, Manuel Martínez Caamaño.

Pero a entidade buscaba algo que chamara realmente a atención dos visitantes e por iso contactou con Fran Romero. Sabía da súa afección polo modelismo naval, e decidiu encomendarlle a reconstrución do barco que foi protagonista do gran naufraxio de Muros. Desde A Rioxa, púxose mans á obra hai xa un tempo, pero a procura de información foi un proceso longo e complicado. Pasou medio ano recollendo datos en museos, publicacións e mesmo acudiu a Navantia, antiga Bazán, de onde saíu o buque orixinal.

Con planos que acadou no Museo Naval de Madrid e nun coleccionista privado, e con instantáneas do barco e dos seus xemelgos, o Cataluña e o Princesa de Asturias, empezou unha maqueta que xa está cobrando forma. «Estou facendo o buque tal e como estaba cando foi a pique», comenta. O resultado será unha maqueta de 1,20 metros de longo que, se as contas lle dan a Fran Romero, estará exposta no Museo do Mar muradán antes de que remate o ano.

Primeira parte concluída

Xa ten finalizado o casco, que foi tallado en madeira maciza e forrado en polistireno para imitar o forro de aceiro e a coiraza blindada, e tamén construíu os catro postos de artillería secundaria que estaban situados en cada costado. O maquetista asegura que o proceso máis arduo, que foi o de buscar a información, xa está superado, e agora queda un labor relativamente sinxelo.

Non é a primeira vez, nin moito menos, que Fran Romero afronta un reto coma este. Asegura que a súa afección polo modelismo naval derivou practicamente nunha profesión. Mesmo gañou un campionato do mundo cunha maqueta do Cruceiro Baleares, un barco de guerra español, e vén de publicar o seu cuarto libro sobre esta temática.

En Muros están desexosos de poder exhibir a xoia que está cobrando forma na Rioxa, mentres seguen traballando para incrementar os fondos do museo. «Tiñamos unha canoa muradá, típica da localidade, á que vén de sumarse outra, así coma unha buceta Lola, que foi doada por unha veciña», explica Manuel Martínez sobre as últimas incorporacións á sala situada nunha nave de Sel.

A entidade á que pertence tamén compilou información sobre outro naufraxio importante, o do Larache, que embarrancou tres anos despois do Cardenal Cisneros, deixando un rastro de 70 mortos. Adimar xa está tamén a traballar para a vindeira edición do Muros Mira ao Mar: «As xornadas deste ano van estar dedicadas á navegación e queremos montar unha exposición sobre o transporte marítimo e sobre os capitáns de Muros».

Mentres, o colectivo segue a ofertar visitas guiadas para grupos por un museo con moitas ansias de medrar.