A frentista cualifica de esperpento o mandato e di que ao goberno faltoulle vontade para chegar a acordos
28 mar 2019 . Actualizado a las 10:42 h.A licenciada en Farmacia María Lago Lestón (Muros, 1987) decidiu dar o salto á primeira liña da política municipal. Hai catro anos ocupou o quinto posto nas listas do BNG e nesta ocasión foi designada para liderar a candidatura coa que o que é o partido persigue acadar o goberno municipal nos comicios de maio.
-Por que se decidiu a liderar o proxecto do BNG en Muros?
-Propuxéronmo dende o consello local e vendo o panorama actual, vino necesario. Hai que presentar unha alternativa distinta a que temos agora mesmo.
-Como valora que todas as candidaturas neste municipio estean lideradas por mulleres?
-Creo que é necesario darlle a visibilidade que nos corresponde ás mulleres na política. Levamos tempo traballando nas bases, pero non era frecuente que estivésemos na cabeza. Considero que é un golpe que damos na mesa as mulleres de Muros por parte dos partidos que nos presentamos aquí. Esta situación paréceme que vai favorecer ao pobo, pois temos unha visión distinta de facer política.
-Con que lista se presentan ás municipais?
-Na confección da nosa lista primou máis a xente preparada ca que arrastrara votos. Levamos un equipo para gobernar.
-Faga unha valoración destes últimos catro anos
-A verdade é que foi un mandato de esperpento, cun goberno moi en minoría ao que lle faltou vontade de acordo e sentarse a falar cos grupos para buscar solucións para Muros. Foi imposible sacar nada adiante pola falta de interese do grupo de goberno. O PSOE deulle o goberno a Compromiso e torpedeouno, e o PP botou balóns fóra. Os dous partidos contribuíron a que o Concello fose ingobernable.
-Cales son os obxectivos do BNG para Muros?
-O primeiro que faremos se chegamos a alcaldía é arranxar o que non se fixo nos últimos anos como a limpeza das rúas, mantemento de parques e xardíns e edificios públicos, máis escolas infantís e fomentar a creación de emprego, aínda que somos conscientes que non é doado. Neste municipio fan falla axudas para crear postos e traballo, tamén un viveiro de empresas e políticas de conciliación.
-Ve posibilidades de chegar a pactos si é preciso?
-Ata as eleccións non queremos oír falar diso pero se hai que falar despois, non teremos ningún tipo de problemas para sentarnos porque non nos podemos permitir o luxo de que o Concello volva a estar ingobernable.