Loita constante

Uxía Sendón CORREO DAS AULAS

MUROS

12 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É triste ter que celebrar o 8 de marzo, porque o Día da Muller deberían ser todos. Na nosa sociedade, por desgraza, sempre houbo desigualdade e en 1975 instaurouse a celebración deste día, no que se pretendía conmemorar a loita da muller pola igualdade. Tras tantos anos de loita, é incrible pensar que as cousas non cambiaron tanto como deberían, mais é así.

Nunca conseguirei comprender a razón de que a muller se considere inferior, se non existísemos a raza humana desaparecería. As mulleres temos que soportar dores que os homes non, como a menstruación, e somos as únicas capaces de ter fillos, polo tanto tamén as que temos que lidar co embarazo. Todos provimos do mesmo lugar, e, quitando as diferenzas físicas que todos sabemos, non se nos debería diferenciar, somos seres humanos distintos entre nós, pero isto non depende do noso sexo.

Neste ano xa son unha ducia as mulleres asasinadas no estado español polas súas parellas ou ex parellas. Penso que non se castiga o suficiente aos que as asasinan, nin tampouco aos que as maltratan. A xustiza lle dá máis importancia e castiga máis a persoas que realizan delitos que, para o meu pensar, son menores e que isto xa o teñen «normalizado» e cren que non é tan grave.

Gustaríame poder dicir que isto non vai tardar en acabar, pero considero que non é así. Agora hai xente que ve o movemento feminista como un pensamento que di que as mulleres son superiores aos homes, e non comprenden por que se pensa que hai machismo na sociedade, pois aínda que está presente no seu día a día, non o consideran como tal. Incluso hai influencers que difunden este pensamento ás novas xeracións. Seguen a pasar desapercibidos numerosos comentarios machistas, e as mulleres seguen tendo que soportar que lles digan cousas que, aínda que aqueles que as din non o consideren así, son desagradables. Desexo que este 8 de marzo marque un antes e un despois, e que toda a loita que as mulleres levamos facendo ao longo dos anos teña por fin a súa recompensa: a igualdade que merecemos. Que teñamos unha sociedade xusta e igualitaria para todas as persoas.

Uxía Sendón é estudante no es IES Fontexería de Muros.

Os estudantes poden remitir os textos á dirección de correo electrónico redac.barbanza@lavoz.es