O BNG aposta pola farmacéutica María Lago para acadar a alcaldía de Muros

RIBEIRA

MUROS

CEDIDA

Coa súa candidatura, practicamente se confirma que a vila volverá a ter unha muller ao fronte, xa que as catro opcións políticas están lideradas por elas

10 mar 2019 . Actualizado a las 12:58 h.

Un cento de veciños de Muros arrouparon a María Lago na súa presentación como candidata á alcaldía polo BNG. A muller que liderará a opción nacionalista é farmacéutica de profesión e natural da parroquia de Serres, e sinalou como piares do seu programa de goberno a " volta ao Muros do asociacionismo, o compañeirismo e o traballo en equipo".

Coa confirmación pública de quen será cabeza de cartel da formación frentista dase por seguro que a alcaldía de Muros volverá a estar ocupada por unha muller, xa que as catro opcións políticas estarán lideradas por Inés Monteagudo (PP), Caridad González (PSOE), María Xosé Alfonso (CxG) e María Lago (BNG), a non ser que xurda algunha nova de aquí á proclamación das listas.

O acto desenvolveuse na Pedriña Alta de Serres e no seu transcurso, María Lago amosouse nostálxica do Muros da súa nenez e mocidade: “Fun desa xeración que prantou as árbores da entrada do Ramón de Artaza e que víu dende os seus ollos de nena coma as veciñas nos axudábamos e colaborábamos para solucionar os desperfectos da riada do 94. De non ser porque traballamos en equipo, aínda hoxe estaríamos quitando a lama”.

A candidata expresouse con naturalidade, sen desimular nin sequera os nervios oor presentarse ante os seus veciños. “Dixéronme que me estivera tranquila, que estábamos entre veciños. Non hai nada que me impoña máis que a idea de pensar que é a meus veciños a quen podo fallar.”, recoñeceu.

María Lago, acto seguido, avaliou a situación do seu concello, resaltando a precaridade coa que se vive no rural ou as dificultades engadidas de vivir en lugares nos que ano a ano van desaparecendo os recursos: "Escoito con rabia a eses señores que se enchen a boca a dicir que defenden o rural mentras aquí reducen as prazas de medicina do centro, permítese o peche de Calvo, castigan a nosa flota pesqueira, pechan o rexistro… Penso que que o rural cóidase coidando os nosos servizos, igual son eu unha ilusa e me equivoco, ou igual é que eu o vexo dende aquí e non dende un despacho no centro dunha cidade.”

Finalizou a súa intervención comprometéndose por conseguir un Muros mellor no caso de que chegue a ser a súa alcaldesa: “E vos preguntaredes por que eu? Porque o meu futuro e o do noso concello depende de que Muros non caia coma caeu o Tellado do Cine de Carcamán , porque se me vai a vida nelo, porque se algún día teño unha filla quero que poda construir aquí o seu futuro.”