Carnota enxalza a súa beleza na nova campaña turística

José Manuel Sande MUROS/LA VOZ

MUROS

sande

A iniciativa vai acompañada dun vídeo promocional

18 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Carnota presentou o venres en Lira unha atractiva campaña de turismo, que leva por lema Carnota é túa, e que conta co apoio da Deputación e de varios colectivos públicos, así como dos sectores turísticos da comarca. Unha ampla representación empresarial e moitos veciños non quixeron perder a ocasión de asistir a un sinxelo pero emotivo encontro, dando deste xeito o seu apoio a unha proposta de divulgación das bondades e belezas turísticas desta bisbarra. Especial e unísono eloxio mereceu a proxección do vídeo O legado, que servirá de base para esta iniciativa.

O rexedor, Ramón Noceda, a quen acompañaron o deputado provincial, Xosé Regueira, e o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, resaltou a necesidade de dar a coñecer ao mundo as sinxelas e singulares posibilidades turísticas de Carnota, destacando todos eles a conveniencia de que o conxunto da poboación faga súas as iniciativas que se proxectan dende o Concello, para que desta promoción se acaden beneficios para o conxunto dos residentes no municipio.

O edil de Turismo, Iván Franco, tamén relatou as posibilidades que se porán a disposición pública a través das redes sociais, informando aos visitantes de todas as alternativas de ocio e de información municipal. Ademais, o acto contou coa intervención musical de Alonso Caxade.