Falece aos 56 años Juan Suárez, natural de Zas e dono do mesón O Mariñeiro de Muros

José Manuel Sande MUROS / LA VOZ

MUROS

Sande

Os seus restos están no tanatorio de Ventín, de onde hoxe, ás 16.45 horas, partirán ata a igrexa parroquial de San Xoán de Serres

23 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasamento de Juan Suárez, Juan do Mariñeiro, é unha perda irreparable para os seus, pero tamén para cantos acudían en demanda de axuda ao seu bar, tanto a título institucional ou de agrupacións sociais como a nivel particular. Ningunha persoa das que chamaron á súa porta se foi nunca sen agasallo.

Sabíao ben o Concello cando tiña que organizar actividades culturais e lúdicas ou citas tradicionais, porque O Mariñeiro sempre colaboraba. Tamén nas festas de toda a bisbarra aparecía o seu establecemento como patrocinador, e se eran os mozos da comarca os promotores de calquera iniciativa, xa fose deportiva ou cultural, tiñan por seguro que contarían co apoio deste mecenas.

Chegou a Muros con 14 anos, e sempre estivo vinculado ao mundo da hostalería. Traballou en varios locais da localidade ata que fundou o mesón O Mariñeiro, un establecemento de ambiente familiar, non só porque nel traballaba o xerente coa súa dona e co maior dos seus dous fillos, senón tamén porque os seus clientes eran tratados coma membros da súa estirpe.

Indisposición

A súa morte sorprendeu a todos, xa que, pese a que padeceu algunhas doenzas, nunca foron graves nin lle impediron abrir o seu local, ao que onte se achegou para facer o pedido semanal. Unha indisposición levouno de volta á casa, onde unha hemorraxia interna acabou coa súa vida de forma fulminante.

Os seus restos están no tanatorio de Ventín, de onde hoxe, ás 16.45 horas, partirán ata a igrexa parroquial de San Xoán de Serres. Os seus restos recibirán sepultura no cemiterio das Mimosas.