A primeira receita en lingua galega foi escrita por un notario de Muros en 1477 para un medicamento de efectos laxantes

XOÁN R. ALVITE MAZARICOS / CORRESPONSAL

MAZARICOS

O documento foi atopado polos investigadores Ricardo Pichel e Rodrigo Pousa que o consideran «unha pequena xoia» e mostra da hexemonía do galego en ámbitos profesionais daquela época

07 jun 2023 . Actualizado a las 21:49 h.

A historia está repleta de curiosas serendipias. Xa non só en ámbitos como o científico ou o tecnolóxico, onde deron lugar a grandes descubrimentos, senón tamén noutros campos onde a importancia dos feitos causais parece aínda menos relevante. É o caso, por exemplo, da investigación lingüística que estes días sorprendeu co achado inesperado dun documento histórico excepcional: a primeira receita médica escrita en galego, datada no 2 de abril de 1477 e que, curiosamente, atopábase anotada no anverso dunha acta notarial.

Os seus descubridores foron os investigadores Ricardo Pichel, da Universidade de Alcalá e o Instituto da Lingua Galega (ILG), e Rodrigo Pousa, adscrito á Universidade de Vigo, que destacan a importancia deste achado considerado como «unha pequena xoia ao ser a primeira mostra coñecida ata o momento no espazo cultural galego e no período medieval no que respecta á literatura técnica de natureza médica non asociada ao mundo animal».

O texto en cuestión, custodiado polo arquivo da Real Chancillería de Valladolid —o máis importante de España no relativo á conservación de arquivos xudiciais do Antigo Réxime— consérvase copiado na parte posterior dun documento orixinal outorgado polo notario de Muros Pedro de Antelo, e que forma parte da documentación probatoria dun litixio xudicial que os Mariño de Lobeira —nobres galegos orixinarios da zona de Arousa— mantiveron co Arcebispado de Santiago pola xurisdición de varias vilas adscritas por aquel entón ao alfoz de Muros. Entre elas algunhas pertencentes aos municipios de Outes e Mazaricos, adscritas aínda na actualidade ao partido xudicial muradano.

Aínda que se descoñece quen puido ser a persoa que copiou a receita na traseira da acta notarial, os investigadores apuntan como moi probable a autoría dalgunha persoa próxima aos Mariño de Lobeira que, ou ben a recolleu dun texto médico máis amplo ou que actuou a modo de escribente dalgún médico ou boticario da zona. O que si se sabe con seguridade é que se trataba dun medicamento con efectos laxantes dirixido a algunha persoa con doenzas gastrointestinais do que, ademais do seu modo de preparación, tamén se indican outros datos como a dosificación ou posoloxía. Nesa descrición incluso se nomea á «casa de Gonçalvo do Ribeiro» como o lugar ao que acudir para facerse cos produtos ou ingredientes necesarios para a elaboración da receita: «O que vier de casa de Gonçalvo do Ribeiro pisarés todo en unha cunca…”

Neste sentido, tal e como sinalan Pichel e Pousa na Revista de Historia Murguía que publicou o estudo, esta non é unha peza asimilábel aos textos médicos canónicos, como manuais ou tratados de carácter teórico ou descritivo, senón que responde máis ben a un exemplo do que se coñece como «medicina práctica», baseada en gran medida en textos «extraacadémicos», como compendios divulgativos ou cadernos de médicos de carácter persoal que circulaban na época. Polo que, máis alá da valiosa información lingüística que se pode extraer do texto, apuntan os descubridores da receita, o vocabulario técnico empregado nel contribúe tamén a documentar o coñecemento existente sobre o comercio marítimo baixomedieval e altomoderno galego, por canto son moi escasas as testemuñas da presenza e utilización de certas especias foráneas, como é caso do sene de Alexandría ou da canafístula, recollidas nesta receita.

Do mesmo xeito, este documento tamén evidencia, en opinión dos investigadores, «a hexemonía do uso escrito do galego en todos os ámbitos funcionais e instrumentais do amplo espectro socio-profesional e cultural dos galegos e galegas da época como son os campos notarial, xurídico-normativo, literario, historiográfico ou técnico-científico e, ademais, neste período de finais do século XV no que a interferencia do castelán comezaba a ser moi invasiva».

Neste sentido, os investigadores non descartan a aparición de novas receitas entre a amplísima documentación do contencioso xudicial iniciado polos Mariño de Lobeira.