A mazaricana curiosa que vive para crear

Xoán Ramón Alvite Alvite
Xoán ramón Alvite MAZARICOS / LA VOZ

MAZARICOS

Alvite

Un dos seus traballos foi finalista nos Premios Nacionales Diseño y Sostenibilidad de Envase y Embalaje

19 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Fotógrafa, pintora, ilustradora e deseñadora. Non resulta sinxelo definir a traxectoria profesional de Xulia Nieto Pereira (Mazaricos, 1990) pois, a pesar da súa xuventude, xa tocou moitos paus no eido artístico.

«Sempre fun moi curiosa e co paso do tempo creo que aínda o son máis. Eu son da idea de que, sen probar algo, non sabes se che gusta ou non. Supoño que de momento non me decanto por nada en concreto, aínda me queda moito por coñecer», apunta esta creadora mazaricá que, precisamente, pensa que esta denominación é a que mellor a define. «Poderíase dicir que son unha creadora. De feito, cada vez me gustan máis os procesos creativos. En ocasións, incluso, máis que o propio resultado final. Cada vez gozo máis de todo o que implica, observación, investigación e análise. Gústame facer probas, desfacelas, intentar outra cousa. Interésame o camiño e non tanto o destino», apunta Xulia, que, guiada por esa curiosidade innata, non dubidou en facer as maletas e marchar a Cataluña para seguir formándose.

Concretamente, para cursar un ciclo superior de Gráfica Publicitaria na Escola d’Art i Superior de Disseny Ondara, en Lleida. Un centro de ensinanza que xa está a presumir da súa alumna galega por canto un dos seus traballos resultou finalista no XIII Premios Nacionales Diseño y Sostenibilidad de Envase y Embalaje. Un prestixioso certame ao que concorreron máis de 150 proxectos elaborados por 600 estudantes de 30 universidades e escolas superiores.

Neste caso, a proposta de Xulia convenceu a un xurado que plantexou aos participantes o reto de substituír o material plástico que se utiliza no envasado de froitas e verduras por solucións reciclables elaboradas en cartón.

Heredeiros da Crus

O proxecto foi presentado baixo a denominación Corasón de Carballo —é o título dunha canción dos Herdeiros da Crus que, segundo recoñece, resúltalle inspiradora e motivadora— e que aposta por un deseño simple e sostible.

«No que realmente intentei focalizar a proposta foi en resolver a cuestión da sustentabilidade e tratar de que non se empregase ningún material máis ca o cartón. Adaptarme ao que se pedía no reto, basicamente. En base a buscar formatos e sistemas de peche xurdiu este envase, moi sinxelo, pero que cumpre a súa función. A parte estética dos troqueis tamén segue esa liña de intentar levar o deseño a algo sinxelo e limpo. Menos é máis», explica a mazaricá, que non oculta a súa satisfacción por este recoñecemento que lle abre as portas a poder participar no certame internacional de deseño de packaging WorldStar Student, o máis importante a nivel europeo neste ámbito.

Aínda así, a estadía da mazaricá en terras catalás non se limita unicamente ao estudo. De feito, dende hai uns meses, tamén traballa nunha empresa onde fai traballos vinculados ao márketing e ao deseño. Tamén segue dedicándose a outra das súas grandes paixóns: a ilustración. «A verdade é que é unha disciplina que teño algo máis descoidada do que me gustaría, pero en absoluto esquecida. De feito, de cando en vez xorden proxectos editoriais moi interesantes». Cita, entre outros, Niscoventa, de Francisco Rozados, publicado por Toxosoutos e que recentemente foi premiado no certame de relatos Antón Avilés de Taramancos. Tamén Ler para sentir mellor, en catro linguas, da editora Alvarellos. «Son proxectos nos que se une o deseño e a ilustración para conseguir un resultado que provoque mais emocións ao lector». As mesmas sensacións que logrou transmitir coa obra A nena que abrazaba as árbores, un dos seus traballos que máis recoñecemento acadou, e que se compón de 12 fermosas láminas elaboradas a acuarela e grafito coas que se ilustra o conto de Henrique Alvarellos.

En canto ao futuro, aínda que Nieto Pereira non se marca ningún obxectivo concreto, si di ter máis ou menos clara a idea de non regresar a Galicia. «Non sei o que farei a medio prazo. Quédame o segundo curso para rematar estes estudios, pero o certo é que non teño ningún plan de marchar. Polo de agora, en xeral, síntome moi a gusto aquí a nivel persoal e tamén valorada no ámbito profesional. Ademais, vexo oportunidades de evolucionar e mellorar en ambos planos».