Juan José Blanco: «Todas as obras son igual de importantes»

La Voz

MAZARICOS

Juan José Blanco Riveiro, alcalde de Mazaricos
Juan José Blanco Riveiro, alcalde de Mazaricos Alvite

O rexedor recoñece que o mandato está fortemente condicionado pola pandemia

08 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha maioría absoluta ás súas costas e un equipo de traballo «máis implicado que nunca», Juan José Blanco está a vivir un mandato relativamente tranquilo que, sen embargo, recoñece estar fortemente condicionado pola pandemia

—Imposible valorar a primeira metade de mandato sen falar da pandemia, non?

—Por suposto. Estamos a vivir un período histórico e lamentablemente negativo con graves repercusións para as persoas, empresas e, por suposto, tamén organismos públicos. No noso caso de xeito especial, porque temos unha poboación moi envellecida e iso fíxonos estar realmente preocupados e vixiantes.

—Como se traduciu isto na xestión municipal?

—Obrigounos a dirixir os nosos esforzos e recursos a aquela parte da veciñanza mais vulnerable. Potenciouse o servizo de axuda no fogar e a atención a aqueles colectivos mais desfavorecidos. Fixemos todo o que estaba na nosa man que pensamos podía ser de axuda. Dende desinfectar espazos públicos ou estar ao lado do comercio e hostalería ata levar medicamentos e comida a enfermos, ou mesmo imprimirlles os apuntes aos rapaces que non tiñan xeito de facelo na casa.

—Que obras destacaría?

—Todas as actuacións son igual de importantes porque, si se fan, é que alguén as necesita. Se atendemos á contía económica, a principal é a substitución do alumeado público por outro led. Falamos dun orzamento de 800.000 euros que, ademais de mellorar a iluminación é ser bo para o entorno, permitiranos aforrar uns 100.000 euros ao ano en consumo eléctrico e mantemento.

—Vostede prometeu ao principio que este sería o mandato da auga.

—E estamos a cumprilo. Tanto axudando na mellora das traídas veciñais como incorporando núcleos de xeito progresivo á rede municipal. Nos próximos meses levaremos a cabo a construción dun depósito de máis dun millón de litros e investiremos máis de 500.000 euros tanto en mellorar a captación como na estación de tratamento de Pino de Val.

—Nun concello gandeiro coma Mazaricos os camiños agrícolas seguen a ser unha prioridade. Que respondería aos que critican o seu mal estado?

—Que, en xeral, non é certo. Pode haber algún tramo ou algún camiño en mal estado porque os invernos aquí son complicados e, en moitos casos, aínda non houbo ocasión de arranxalos. Temos máis de mil quilómetros de camiños e uns recursos limitados. Todos os anos investimos moito diñeiro no seu mantemento e imos seguir nesa liña.