«Ter que pechar ás cinco supón o pau definitivo no peor ano que recordo para a hostalería»

Xoán Ramón Alvite Alvite
Xoán ramón alvite MAZARICOS / LA VOZ

MAZARICOS

Jorge Jurjo
Jorge Jurjo Alvite

Jorge Jurjo, presidente da entidade que agrupa ao sector en Mazaricos, cifra nun 85 % a caída dos ingresos nas hospedaxes

18 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Malo para bares e restaurantes e desastroso para aqueles negocios vinculados á hospedaxe. Ese é o balance que Jorge Jurjo Agulleiro, presidente da entidade de hostaleiros de Mazaricos, fai da aplicación no concello do nivel medio-alto de restricións. Medida que pecha perimetralmente o municipio, obriga aos establecementos a limitar a un 30 % o seu aforo interior e impón peches ás cinco da tarde.

«Se o toque de queda e a conseguinte obriga de pechar ás once da noite xa nos fixo moitísimo dano, reducir agora o horario ás cinco da tarde supón o pau definitivo no peor ano que recordo para a hostalería de Mazaricos», explica este profesional. Lamenta a demonización á que se está sometendo ao seu sector, ao que, na súa opinión, parece culparse da expansión descontrolada da enfermidade. «Non hai ningún estudo que demostre que na hostalería se producisen máis contaxios que en calquera outra actividade e, sen embargo, somos os que máis restricións estamos a sufrir. Cumprimos con todo o que se nos esixiu en cada momento e aínda así se nos segue a culpar desta situación».

Pouco rendibles

Neste sentido, Jurjo Agulleiro sinala que, de prolongarse o actual escenario, moitos locais acabarán pechando definitivamente as súas portas xa que lles resulta imposible facer rendible un negocio con tantas limitacións. «Moitos xa tivemos que prescindir dalgún persoal, porque sen clientes sobramos a metade. Ou a Administración se implica no asunto ou unha parte importante deste sector desaparecerá antes do verán que vén».

O responsable da entidade de hostaleiros de Mazaricos pon de manifesto a delicada situación pola que atravesan os establecementos dedicados á hospedaxe, que levan practicamente un ano sen ter actividade. «A caída dos ingresos neste sector supera o 85 %. Os máis afortunados tan só lograron cubrir custos durante a última parte do verán, o resto do ano ou ben estiveron pechados ou con servizos mínimos agardando por uns visitantes que, finalmente non chegaron», apunta sen agochar o seu pesimismo de cara ao próximo ano santo. «Inicialmente, tiñamos grandes expectativas postas neste ano porque os anteriores ao xacobeo adoitan ser bastante bos no referente ao número de visitantes. A día de hoxe incluso teño dúbidas de que para o vindeiro exercicio mellore o suficiente a situación como para volver á normalidade. O 2020 foi tan ruinoso que, por moi bos que sexan os próximos, xa será irrecuperable todo o que levamos perdido».