Jorge Sanmartín: «Queremos que a veciñanza valore e coñeza o patrimonio que ten máis preto»

Xoán Ramón Alvite Alvite
X. R. Alvite MAZARICOS/LA VOZ

MAZARICOS

ALVITE

As súas fervenzas converteron Mazaricos nun lugar de visita obrigatoria

20 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Do seu departamento naceu a idea de promover as fervenzas de Mazaricos como un reclamo turístico de calidade, unha iniciativa que está tendo unha fantástica acollida e que xa levou ao concello a converterse nun lugar de visita obrigatoria durante os meses de inverno, tempada na que as cascadas amosan toda a súa beleza.

-As épocas de chuvia adoitan ser o mellor momento para visitar as fervenzas, pero tamén animan á xente a visitalas no verán. Calquera estación é boa para gozar destes lugares?

-É verdade que nas épocas de chuvias as fervenzas son moi espectaculares polo caudal que levan, pero a idea que pretendemos transmitir é que é un turismo que se pode facer en calquera época do ano. De feito, algunhas coma a de Noveira, incluso se prestan para bañarse cando comeza a baixar a auga. A contorna das fervenzas de Fírvado, Santa Locaia e Gosolfre está sempre cunhas cores fermosísimas e, no caso de Chacín, durante o verán fai uns arcos da vella espectaculares.

-Aínda que son moitas as pincheiras que se reparten polo municipio, vostedes apostaron por cinco para realizar a ruta. Que criterios tiveron en conta?

-Por unha banda que tivesen todas contornas moi distintas. Por exemplo, a fervenza da Noveira é unha caída de auga en pedra de granito rosa e totalmente diferente a Fírvado, que ten unha ruta encantadora, igual que Gosolfre. Tamén escollemos esas porque era viable acondicionar as contornas e sinalizalas. Ademais, hai un criterio de esixencia: algunhas préstanse máis para familias con cativos como Santa Locaia, Fírvado ou Noveira, porque os accesos son sinxelos mentres que Gosolfre ou Chacín teñen un percorrido algo máis esixente para persoas que lles guste o sendeirismo.

-Que traballos previos se levaron a cabo dende o Concello para poñer en valor este patrimonio?

-De cando en vez dábaselles difusión nas redes sociais e sempre se mandaba un recurso de imaxe dalgunha delas para a promoción en Fitur. Porén, esta é a primeira vez que existe un proxecto unificado orientado a publicitar de xeito sostido no tempo os nosos recursos de auga.

-Tendo en conta o éxito que está acadando a ruta, pensan en ampliala no futuro con novos saltos?

-Polo momento, a medio prazo queremos manter a ruta coas cinco fervenzas iniciais e tela ben sinalizada, limpa e, en síntese, ben atendida. Non só para as persoas de fóra, que evidentemente tamén, pero queremos que a veciñanza valore e coñeza o patrimonio que ten máis preto. Por suposto, se conseguimos consolidar esta proposta e que xere interese cavilaremos en novidades.

-Durante as fins de semana o Concello está realizando visitas guiadas a cada unha das fervenzas. Que tal está resultando esta iniciativa?

-A última foi á de Gosolfre, viñeron 50 persoas e os comentarios eran moi positivos. A xente está a responder ben e con interese ás convocatorias. A nivel de coñecemento, penso que é interesante porque é unha maneira de fomentar o boca a boca.

-A ruta compleméntase cunha campaña de promoción do comercio e a hostalería locais. Que pode ofrecer Mazaricos ao visitante nestes dous sectores?

-Os produtos que ofrecen os locais hostaleiros de Mazaricos son todos de nivel. Nun territorio agrogandeiro como o noso non podía ser doutro xeito. Na web de turismo do Concello poden consultarse todos os establecementos e, na parte da Ruta das Fervenzas, as especialidades dos que colaboran na iniciativa. En canto a hoteis e comercio, o noso concello está dotado de todos os establecementos e servizos que o visitante poida precisar durante a súa estadía.

-Cal é para vostede a fervenza máis fermosa de todas? Por que?

-Vaia por diante que as cinco me parecen fermosísimas pero se teño que quedar con algunha, quedo coa de Vioxo. O motivo é que é a que está máis preto da aldea na que nacín. Moito agatuñaba polas súas pedras de cativo! Tráeme moitas lembranzas da infancia.