Juan José Blanco: «Da crispación e da confrontación case nunca se saca rendemento»

O rexedor referenda o obxectivo de que a auga da traída municipal chegue ao 70 % da poboación neste mandato


MAZARICOS / CORRESPONSAL

Acaba de cumprirse un ano das últimas eleccións locais, nas que os veciños de Mazaricos volveron a confiar de xeito maioritario en Juan José Blanco Riveiro (Brasil, 1980) para que fose o seu alcalde, un período que ben podería cualificarse como de continuidade, pero que o mandatario di afrontar «coa mesma ilusión que o primeiro día».

-Cunha maioría absoluta ampla é de supoñer que, no político, este foi un ano tranquilo, non é así?

-É innegable que as maiorías dan certa seguridade á hora de poñer en marcha un proxecto político como o noso. Aínda así, nas nosas propostas hai debate e confrontación de ideas tanto entre os membros do meu grupo como cos do resto da corporación. Gobernar non é impoñer cousas, senón negociar, consensuar e buscar o mellor para os veciños.

-Que nota lle pon á oposición?

-Son, precisamente, os veciños os que teñen que valorala e non eu. Entendo que fai o seu traballo do xeito que considera máis axeitado. Eu tamén estiven moitos anos na oposición e a xente sabe cal era a miña actitude. Penso que se pode ser crítico co goberno e á vez construtivo e colaborativo. Da crispación e da confrontación case nunca se saca rendemento.

-Dos sete concelleiros da súa formación, catro son novos no cargo e incluso un deles ten dedicación exclusiva. Que tal se adaptaron ao traballo municipal?

-Moi ben. Tanto os novos como os que repiten están colaborando moitísimo, implicándose ao máximo na medida das súas posibilidades. Sería imposible chegar a todos os sitios e atender todos os asuntos sen a súa axuda. Tampouco me quero esquecer doutra moita xente que, de xeito desinteresado, leva años poñendo o seu grao de area para que Mazaricos avance.

-Algunha actuación municipal neste último ano da que se sinta especialmente orgulloso?

-Para min todas as obras, independentemente do seu tamaño ou contía, son importantes porque melloran a vida das persoas. Nestes días estase a rematar a senda peonil que une A Picota con Insua e con Sanfoga, ou continuando cos traballos de extensión da traída de auga municipal a todo o concello. E en nada imos contratar un proxecto de 800.000 euros para cambiar a totalidade do alumeado público municipal, o que suporá un aforro importante para o Concello. Só por citar uns exemplos.

-En campaña prometeu que o abastecemento de auga sería prioritario neste mandato.

-Así é. O obxectivo é que ao remate deste mandato o 70 % da poboación dispoña de auga municipal. É unha porcentaxe moi importante se temos en conta que hai cinco anos apenas un terzo dos veciños gozaba deste servizo. Non hai que esquecerse de que no concello hai máis dun cento de núcleos repartidos en case 200 quilómetros cadrados de superficie, o que dificulta enormemente a extensión da rede de abastecemento. Levamos investidos máis de 1,5 millóns de euros nestas obras e a nosa intención é seguir nesta liña.

-O PXOM vai bastante máis lento, non si?

-Pois si. Estamos pendentes de facer os cambios que nos pediu a Xunta. En calquera caso, fixemos varias modificacións puntuais das normas que nos permiten seguir traballando no eido urbanístico sen problema.

«Nunca antes se destinaron tantos recursos a servizos sociais»

Cunha poboación moi envellecida -máis da metade supera os 60 anos- o departamento municipal de asuntos sociais é un dos que máis recursos acapara, segundo recoñece o alcalde de Mazaricos.

-Canto diñeiro gasta o Concello en servizos sociais?

-Resulta moi difícil precisalo, sobre todo en momentos como os actuais onde se redobraron os esforzos para atender a aqueles veciños que máis o necesitan. Practicamente, un de cada cinco euros do orzamento municipal se vincula a este ámbito.

-Que actuacións se levaron a cabo ultimamente?

-Nestes últimos anos, incrementouse nun 35% o servizo de axuda no fogar e puxéronse en marcha moitas iniciativas de apoio a colectivos desfavorecidos. Incluso en colaboración con outros departamentos municipais ou con entidades como Protección Civil se están levando a cabo campañas de reparto de alimentos ou medicinas. Nunca antes se destinaron tantos recursos a servizos sociais.

-É complicado atender a tanta poboación maior?

-Moito. Sobre todo, con recursos tan limitados. Déronnos moitas competencias, pero o financiamento segue sendo escaso.

 «Ter ben unha rede de máis de mil quilómetros de camiños é difícil»

Cunha produción anual de máis de 180 millóns de litros, Mazaricos é o primeiro produtor leiteiro de Galicia. Tal é a súa importancia que máis do 65 % do PIB municipal depende de forma directa ou indirecta desta actividade.

-Que está facendo para apoiar aos gandeiros?

-Desgraciadamente, moito menos do que nos gustaría dada a súa importancia. Pero dende o Concello pouco podemos facer ante problemas como o dos prezos ou o aumento dos custos de produción. A nosa axuda é, sobre todo, administrativa no referente a todos os trámites que teñen que levar a cabo con outros organismos e facilitar as licencias que necesiten para a ampliación das súas instalacións.

-En ocasións critícano polo mal estado da rede de camiños.

-E seguro que, en ocasións, teñen razón porque non sempre é fácil ter todo no estado que nos gustaría. Sobre todo en anos coma este, no que choveu case catro meses seguidos, ter ben unha rede de máis de mil quilómetros de camiños é difícil. Aínda así e todo fixemos un esforzo moi importante coincidindo co comezo dos traballos no campo e agora dedicaremos todo o plan de obras, máis de 500.000 euros en total, para melloralos.

«É necesario apostar por un turismo de calidade, porque temos potencial para iso»

A declaración do estado de alarma polo coronavirus caeu coma un xerro de auga fría sobre o sector turístico mazaricano, principalmente entre o que se relaciona co Camiño de Santiago, que agardaba unha afluencia masiva de peregrinos como anticipo ao ano santo 2021.

-No turístico, pode dicirse que este é un ano perdido?

-Todo apuntaba que ía ser así. Agora resulta que está indo todo tan rápido que non se pode descartar que ben avanzado o verán poida ir chegando xente. En calquera caso, as perdas van ser cuantiosas porque este ano, tal, e como adoita suceder antes do Xacobeo, esperábase moita afluencia de xente e, por moito que se normalice a situación, nada vai ser como se esperaba.

-Teñen algún programa para apoiar a este sector?

-Aproveitar o potencial turístico de Mazaricos foi sempre un dos nosos obxectivos e por iso mantemos un contacto permanente con este sector. Estamos agardando a ver como se vai desenvolvendo a situación para poñer en marcha medidas concretas de reactivación da actividade. Xa fixemos varias xuntanzas.

-A oferta do Concello neste ámbito aumentou no últimos anos.

-E máis debería medrar no futuro porque temos moitos recursos naturais susceptibles de ser aproveitados. Xa non só no ámbito do Camiño de Santiago, senón en todo o relacionado co turismo activo ou de natureza. Se de algo nos valeu a aparición e extensión do coronavirus foi para reforzar a nosa idea de que é necesario apostar por un turismo de calidade porque temos potencial para iso.

-Que medidas ten previsto levar a cabo o Concello neste eido?

-Ademais de seguir promocionando a nosa oferta actual queremos poñer en marcha iniciativas encamiñadas a poñer en valor os nosos recursos naturais. Neste momento traballamos nunha gran ruta polo entorno do río Xallas que practicamente atravesaría todo o concello e que nos uniría coa costa. Tamén temos un proxecto moi interesante para poñer en valor todo o noso patrimonio arqueolóxico.

-Compensará o ano santo a caída de peregrinos deste exercicio?

-Non o creo, a verdade. Moitos hostaleiros estaban convencidos de que este ía ser mellor ano que o próximo, incluso. De feito, hai moita xente que fuxe das aglomeracións do ano santo. Se todo vai ben, penso que vai ser bo, pero que dificilmente compensará as perdas deste.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Juan José Blanco: «Da crispación e da confrontación case nunca se saca rendemento»