O favorito dos libreiros

MAZARICOS

CARMELA QUEIJEIRO

«Lumes», do poeta Ismael Ramos, vén de conquistar a 80 libreiros de distintos puntos de España. Este novísimo da literatura galega pide un «pause»... e relectura

03 abr 2020 . Actualizado a las 12:46 h.

Non é unha novidade, é un lume que prende axiña pero non se apaga. Son os Lumes-Fuegos favoritos dos libreiros, o libro galardoado, por 80 libreiros de toda España, co premio Javier Morote 2020. Son estrelas para a noite que apreixou na palabra o poeta Ismael Ramos (Mazaricos, 1994). Quen teña lido non de máis, si con tempo de prosía, percibirá que estes versos veñen ser ascuas do que somos.

«Perdes, pero non pasa nada. / A túa intelixencia durará máis que calquera felicidade», advirte o poeta, autor de Os fillos da fame, premio Johán Carballeira de Poesía (2016), un dos novísimos para non perder da literatura galega.

Os Lumes que viron a luz na colección Cera Labrada do selo Apiario no 2017 fascinaron tamén en castelán, en tradución do propio autor co título de Fuegos (Bella Varsovia).

Alumean sen sofocar, quentan lixeiro como un braseiro vello baixo a mesa, e provocan en nós unha estrañeza familiar, unha conciencia de avirías moi íntimas, o desapego que lle botamos á cara ao vínculo cos obxectos cotiás e cos seres máis próximos.

Hai un sanatorio, e fábulas irónicas, avós, galos, galiñas, parras e pexegos nesta achega nada idealista á encrucillada da identidade, á familia e á vida no rural, álbum no que o lugar das fotos que non se fixeron ocúpano as letras coma unha sorte de medicina a deshora. Os Lumes son bágoas cara adentro, nos que a dor dá a cara sutil, coa timidez desa intelixencia de fondo que ve as cousas antes de que ocorran.

Dores, anomalías, perdas cócense nas mellores familias; tamén vén de aí o noso parentesco con este libro-lume, que afonda no conflito do eu co entorno, e cita non por casualidade a Annie Ernaux no hall do poemario. Nai de acollida?

A morte son os fillos é das miñas pezas favoritas: «As cicatrices son un dos froitos da ferida. / Os fillos somos cicatrices». Tamén As galiñas. E Primeira menstruación de María.

«O pai construése dentro do fillo. En madeira. Despois arde»,

tamén estes versos que deixan brasas.