Miguel Figueira: «O Bergan é o meu club. Sempre estarei aí para axudar»

fran rodríguez / melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

MAZARICOS

BASILIO BELLO

O xa exadestrador dedica as últimas palabras ó equipo carballés

13 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou ao banquiño do Bergantiños en xullo do 2016. Vaise en novembro do 2019, logo de tres tempadas apaixonantes para o equipo roxiño, e duns últimos meses non tan bos pero que non por iso poden manchar a súa tremenda calidade como profesional e mellor aínda como persoa. El é José Miguel Figueira Domínguez (Mazaricos, 1974) e dedica ás últimas palabras ó seu Bergan.

-Como se atopa?

-Aguantando o temporal en todos os sentidos [ri].

-A derrota nas Pontes foi o detonante da súa marcha?

-Penso que máis que nada é unha decisión polas circunstancias do equipo, que non está no nivel de puntuación que esperabamos todos. Vimos dun nivel de eficiencia alto provocado polo bo traballo destes anos, e hai que asumir responsabilidades, algo que a xente non adoita facer. O partido do domingo é un pouco o que está pasando este ano. Tivemos tres ocasións clarísimas na primeira parte dende a área pequena diante do porteiro e non as metemos. Esa falta de gol estanos condenando e lévanos a perder partidos. Os resultados, ao final, son os que marcan ao adestrador e, o que se busca con este cambio, é que o equipo poida ter outra perspectiva, outra voz de mando, para que se poida cambiar esta dinámica.

-Como se tomou esa decisión?

-Foi unha decisión moi difícil para o club, para a directiva, para Chano e para min. A ninguén lle gusta chegar a este punto, pero chegamos a un acordo polo ben do equipo. Eu amo ó Bergantiños. Foron nove anos aquí: os cinco primeiros como xogador, e os catro últimos como adestrador. Imaxínate os días dedicados ó club. Estou moi agradecido. Onte [polo luns], comecei a recibir whatsapps. Quizais os que máis me emocionan son os de rapaces que se criaron comigo. É moi reconfortante.

-Que se leva de todo este tempo en Carballo?

-Lévome o cariño de todo o mundo. O Bergan é o meu club. Non por isto deixo de ser nin socio nin colaborador. Sempre estarei aí para axudar. Formo parte da Asociación de Veteranos do Bergantiños que está en funcionamento. Seguirei arroupando ao club, neste caso a Borja, e aos xogadores. Non sinto que en ningún momento alguén me fallara. É máis, sempre me apoiaron. Entendo que a situación é complexa e que o equipo non se fixo para estar aí abaixo. Ser adestrador do Bergantiños non é só atender ó primeiro equipo, senón preocuparte polos cadetes, polos xuvenís, falar cos pais, axudar a formar os equipos.. Iso é o que me levo, un traballo feito. Hoxe [por onte] non porque xa era o día habitual de descanso, pero cando cheguen mañá [por hoxe] ás seis da tarde, custarame non coller o coche para ir adestrar a Carballo.

-Pasa a asumir o cargo Borja Facal, capitán do equipo ata a pasada tempada.

-Si, espero que poidan trocar a situación do equipo. É unha decisión acertada por parte do club. É unha persoa que coñece perfectamente á plantilla e a min, pois traballabamos xuntos coas categorías inferiores. É unha persoa válida, capacitada, e cun gran futuro. Deséxolle toda a sorte do mundo. Tenme para todo o que necesite. O equipo está en boas mans. Agardo que lle cambie a sorte e que esas ocasións entren. É un ata logo, non un fin. Grazas aos socios e afeccionados do Bergantiños porque sentinme moi querido todos estes anos en Carballo.