Javier González: «Temos que levar a traída de auga potable a todos os veciños do municipio»

xoán r. alvite MAZARICOS

MAZARICOS

alvite

Funcionario da Consellería de Sanidade, presentase por primeira vez como candidato do PSOE á alcaldía de Mazaricos

10 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Funcionario da Consellería de Sanidade, Javier González Trillo (Mazaricos, 1968) presentase por primeira vez como candidato do PSOE á alcaldía do municipio. Na actualidade tamén forma parte da executiva provincial do partido do puño e da rosa, na que ocupa o cargo de secretario de emprendemento.

-Que o levou a dar o paso de presentarse ás eleccións?

-Penso que tanto eu como a xente que me acompaña e apoia nesta iniciativa pode aportar cousas para que Mazaricos mellore que, a fin de contas, é do que se trata e do que pretendemos.

-Que valoración fai dos últimos catro anos de goberno do BNG?

-Diría máis ben de desgoberno, ou de goberno para uns poucos. O alcalde non cumpriu unha das súas maiores promesas: a de gobernar para todos. Acabou facendo todo o que sempre criticaba dos outros. Tampouco avanzamos noutras moitas cuestións que hai catro años se consideraban esenciais e que aínda seguen paradas.

-¿A cales se refire en concreto?

-Citaría, por exemplo, o PXOM ou a área industrial de Val. Eran unha prioridade para o alcalde, segundo as súas palabras, e seguen absolutamente igual. Todo está parado e, o que aínda é peor, sen unha solución a curto prazo.

-¿Cales serían as súas primeiras medidas se acaba sendo alcalde?

-Facer as xestións necesarias para dispoñer dun centro de día e temos que levar a traída de auga a todos os veciños do municipio. E refírome a facer unha rede de abastecemento sostible e non o despropósito que se fixo neste mandato, no que se construíron depósitos e se puxeron unhas billas. O problema vai ser cando se abran todas esas billas e non haxa auga para levar. Temos unha captación feita para menos da metade do concello e preténdese que dea servizo a toda a poboación. Por suposto, tamén temos que prestar especial atención ao comercio local, totalmente abandonado nestes últimos catro anos, aos gandeiros ou ao turismo.

-O turismo medrou moito nos últimos anos grazas, en gran medida, ao Camiño de Santiago. ¿Que iniciativas ten pensadas para potencialo aínda máis?

-Precisamente, temos que desestacionalizar o turismo. Por suposto, debemos seguir prestando moita atención ao Camiño, pero hai potencial tamén para traballar noutros moitos eidos agora esquecidos. Neste sentido, levamos no programa electoral a creación dunha gran asociación de emprendedores que englobe a todos os sectores porque todos nos podemos beneficiar, dun xeito ou outro, da chegada de visitantes.