Roberto Amoedo: «O bonito do fútbol é competir»

P. Bretal RIBEIRA / LA VOZ

MAZARICOS

JORGE PARRI

O xogador e adestrador analizou esta recta final na que o Mazaricos podería proclamarse campeón e ascender a Primera Galicia

02 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Roberto Amoedo (Redondela, 1983) é un dos maiores artífices do gran papel que está a realizar o Mazaricos este curso. Se os de Pino de Val gañan o vindeiro partido contra o Muxía, e repiten fazaña por máis de dous goles contra o Corme, a seguinte tempada serán equipo de Primeira Galicia. O xogador e adestrador analizou esta recta final.

-Arrasaron contra o Baíñas esta semana (6-2). Como valora o que vai de tempada ata agora?

-Ata o de agora, a tempada foi moito mellor do esperado. Quitando a semana pasada que perdemos en Cee, a ida do Baíñas que se levaron por grandes méritos e a derrota contra o Corme, fomos moi regulares.

-Cando comezou o curso agradaban estar primeiros?

-Era complicado vendo equipos como o Ponteceso, Baíñas ou un Volantes de Baño recentemente ascendido que a partir da sexta xornada se converteu nun bloque a ter moi en conta. Levar agora esta distancia na clasificación só pode significar que algo fixemos ben.

-Houbo outro obxectivo que non fose o ascenso?

-Claro. Díxenllo aos xogadores dende o comezo. O bonito do fútbol é competir, xa sexa por quedar primeiro, segundo ou lograr a permanencia. Hai que lembrar que fai sete anos o Mazaricos loitaba por non descender e levamos unha traxectoria dos últimos seis que sempre estamos na parte alta da táboa.

-O bloque evolucionou?

-É certo que tivemos moitas baixas e que se incorporara xente nova, pero todos aportaron moitísimo e integráronse perfectamente para xerar un ambiente moi bo no vestiario. Tamén tivemos a sorte de que o noso patrocinador -Riberoa- se involucrou más e apostou forte polo proxecto.

-Encaran esta recta final con algún cambio nas súas filas ou na dinámica de adestramento?

-Non é que fose imprescindible, pero a semana pasada incorporamos a Diego, un extremo de moito gol que estaba no Queiruga para reforzar. Agora apostamos por sesións máis dinámicas e con menor carga física. Todos, repito todos, somos importantes agora.