«A nivel persoal, este período foi dun gran desgaste»

La Voz

MAZARICOS

31 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Blanco Riveiro é o único membro da corporación con dedicación exclusiva. Foi unha decisión que, segundo explica, se adoptou no momento de formalizar a candidatura, hai catro anos, pero que o obrigou a levar a cabo un esforzo engadido para facer fronte aos compromisos propios do cargo.

-No ámbito estritamente persoal, foi duro afrontar en solitario a xestión municipal?

-Teño que matizar que en ningún momento estiven só neste traballo. Tiven o apoio importantísimo da xente do meu grupo político e de moitos colaboradores externos, tanto persoas individuais como asociacións. Tamén do persoal municipal, que foi determinante.

-Sen embargo, si comentou algunha vez o desgaste mental deste posto.

-É certo. A nivel persoal, este período foi dun gran desgaste. Non tanto polo volume de traballo como polo sacrificio mental que supón intentar abarcar todo. E despois está a lentitude propia da Administración que, neste caso, se xuntou coa miña obsesión por solucionar todo o máis axiña posible. Por exemplo, custa entender como unha autorización para ampliar unha pista pode tardar varios meses ou como facendo unha boa xestión e tendo superávit económico, no noso caso non temos débedas e dispomos de 500.000 euros na conta, non podes gastalos en dar mellores servizos aos veciños.

-Tras 20 anos gobernando, o PP de Mazaricos segue sen candidato. A que pensa que é debido?

-Aínda que non me gusta opinar sobre outras formacións, penso que non é bo para ninguén que non atopen candidato. En calquera caso, os seus votantes a título individual poden participar nos plenos e dicir o que consideren oportuno. De igual xeito, o meu despacho sempre estivo e está aberto para atender a todos os veciños independentemente da súa cor política.

-Xa ten rematada a súa lista? Fará moitos cambios?

-Si, case está rematada. Aínda que a base é semellante á de fai catro anos, si teremos incorporacións de xente nova que chega con moitas ganas de traballar.