Federico Pérez: «Como actor fórmaste traballando, aprendendo e, sobre todo, vivindo»

v. couto / j. v. l. REDACCIÓN / LA VOZ

MAZARICOS

CESAR QUIAN

O mazaricano acaba de recibir o Mestre Mateo por «Trote», largometraxe de Xacio Baño

29 mar 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

O actor mazaricano Federico Pérez Rey (Alemaña, 1976), nun dos momentos máis doces da súa carreira, premiado co Mestre Matero por Trote, chega hoxe a Carballo (21.00 horas, Pazo da Cultura), con A leituga, un enredo familiar, salpicado de comedia, no que o acompañan outros grandes da escena galega, como Antón Durán, Morris, María Vázquez, Mercedes Castro e Xosé Barato, ao que os une unha relación de amizade, que se deixa ver enriba do escenario.

-A leituga é unha reunión familiar para celebrar un aniversario, non si?

-Iso é o más amable que hai en toda a obra. Despois todo o que realmente acaba pasando é que, como en moitas familias, acabamos tirándonos pratos á cabeza e dicindo de todo menos cousas bonitas. A raíz do aniversario do pai, reúnese a familia e aí ábrese a caixa de Pandora e desátanse todo tipo de conflitos que están aí enterrados e que volven a saír a luz.

-Como a vida mesma.

-É que é a vida mesma. Penso que todo o mundo se acaba sentindo reflectido nesta obra, porque as dúas temáticas principais son a da dependencia: os coidados e as relacións de familia, digamos que son unha auténtica bomba de reloxería. Ás veces, unha aparente tranquilidade acaba escondendo conflitos que, sen ser ao mellor enormes, o paso do tempo acaba dándolles moita dimensión.

-Morris, María Vázquez, Mercedes Castro ou Xosé Barato, como se sinte no medio de actores de tanto nivel?

-De marabilla. Xa somos unha familia, tanto dentro como fóra. Somos moi ben levados e con todos eles traballei xa noutras cousas. Incluso xa nos une máis amizade que outra cousa. Nótase moito que hai confianza entre os cinco e temos que interpretar pouco porque somos en realidade unha familia.

-Ten que notarse entón esa conexión?

-Claro, iso é realmente o que se ve, porque cando no se ve iso non queda natural, queda falso. Hai aí moita conexión que, cando estala, é criminal.

-Como o recibiron en Mazaricos despois dese Mestre Mateo, porque volvería dende iso?

-Si oh. Sempre se volve, que hai que ir buscar patacas e ovos á casa... Moi ben, moita alegría. Un nunca é profeta na súa terra, pero neste caso tanto a familia como os amigos están moi contentos, porque en gran medida, ou en case toda, o premio tamén é deles. Un vaise formando como actor traballando, aprendendo e, sobre todo, vivindo as cousas da vida, que, coma nesta obra, vívelas coa familia e cos amigos.

-Vostede tamén o recibiría con moita alegría, non?

-Moitísima. Moi contento. Aparte é un pouco curioso. Levo case toda a miña vida facendo cousas de comedia -non só, pero case- e a primeira vez que fago algo así máis potente sen ser comedia, que me premien, pois é un motivo de máis alegría aínda. Algo para pensar: «Bueno, mira, vales para máis cousas». Que é o que dicía miña nai: «Xa que non fas unha cousa ben, fai moitas aínda que sexa mal». Entón, hai que probar de todo.

-Volvendo á obra. A xente onte xa estaba comprando entradas. Iso é un bo sinal.

-Agradécese que a xente, aparte de comer, compre entradas para o teatro, que todo é bo para a saúde. Así que vémonos hoxe no teatro. E gozade da obra. Como me dixo a min algún que veu ver: «Encantoume. Paseino fatal. Esa frase conxuga perfectamente o que é A leituga. Algo que moitas veces non queremos ver: o duro dos conflitos familiares, dos coidados ás persoas que están nunha situación complicada. Pero, ao mesmo tempo, está contado nunha clave non de humor, pero da vida mesma. Unha traxicomedia.

«Como me dixo algún que a veu ver: ‘Encantoume, Paseino fatal. Iso conxuga a obra’»