«Estou convencido de que este ano vai ser histórico na chegada de peregrinos»

TURISMO A TODA COSTA | Jorge Jurjo, presidente dos hostaleiros de Mazaricos e gran impulsor do Camiño, anima a sumar esforzos para potenciar a comarca e atraer a máis visitantes


mazaricos / la voz

Representa a cuarta xeración dunha das familias de restauradores con máis tradición en Mazaricos e, dende hai tres anos, é tamén o representante dos hostaleiros deste municipio, un sector que ultima os preparativos para comezar a tempada de peregrinacións, que este ano promete ser moi boa. «A Semana Santa adoita coincidir tamén coa chegada dos primeiros grupos numerosos de peregrinos. Este ano cadra máis alta do habitual no calendario, polo que esperamos que non se rexistre logo un baixón e xa se enlace este período co forte tirón do verán», explica Jorge Jurjo, que pensa que este 2019 se poden bater todos os rexistros en canto á visita de peregrinos á zona. «A prolongación cara Fisterra aínda está lonxe de ter tocado teito. Se o ano pasado se superaron os 25.000 camiñantes, nesta edición a cifra debería ser aínda maior. Estou convencido de que este ano vai ser histórico na chegada de peregrinos».

Neste sentido, o responsable de Casa Jurjo na A Picota destaca o bo traballo que se leva facendo durante os últimos anos na promoción desta variante xacobea e insiste na necesidade de que o sector traballe unido e coordinado para que a zona teña visibilidade en todos os foros turísticos que poidan ser de interese para a comarca. «No ámbito da promoción non se pode ser nin cortoplacistas nin moito menos individualistas. Levamos case vinte anos dando a coñecer a prolongación cara Fisterra e aínda agora se empezan a ver os froitos do noso traballo. Penso que hai que seguir nesa mesma liña estando presentes en todas as feiras, congresos e cantos eventos poidan servir para publicitar os nosos servizos. Como nos afecta e nos beneficia a todos, o lóxico é que sumemos esforzos e non que tiremos cada un para o noso lado». Cita, por exemplo, a necesidade de que varios concellos se unan para poñer en marcha servizos que suplan algunhas carencias que se rexistran actualmente no seu sector. «Aquí temos unha falta importante, principalmente en tempada alta, de taxis para cubrir as necesidades de transportes dos peregrinos. O lóxico sería, tal e como sucede, por exemplo, en municipios turísticos de Canarias, que se formen consorcios ou calquera outra figura que permita que varios territorios poñan en conxunto os seus recursos para suplir unha carencia común».

No referente á proliferación de negocios que foron nacendo ao carón desta ruta de peregrinaxe, o hostaleiro, lonxe de preocuparse pola competencia, móstrase satisfeito e incluso o cualifica de boa noticia para o conxunto do sector. «Cantos máis servizos e posibilidades se lle ofrezan ao turista, mellor é para todos. Hai clientes de todos os gustos e tipos, polo que tamén hai negocio para todos. O que temos que facer é ser profesionais e ofrecerlle ao visitante un servizo de calidade para que marche cunha valoración positiva e desexe volver».

Potencial turístico

Jorge Jurjo Agulleiro, que na actualidade rexenta un hotel con 18 habitacións e un bar-restaurante con capacidade para máis de 150 persoas, recoñece que aínda queda moito por aproveitar do potencial turístico co que conta Mazaricos. «Temos un entorno natural privilexiado. E a pesar de que se fixo un traballo enorme durante os últimos anos, aínda queda moita marxe para seguir traballando e ofrecer ao visitante novas experiencias. Podemos ser un referente galego no chamado turismo activo e sostible», termo este último que, para o representante dos hostaleiros mazaricanos, ten que ir máis alá do puramente vinculado ao coidado e mantemento do medio ambiente.

«Para min, o turismo sostible é tamén aquel que se estende a outros moitos ámbitos, como por exemplo, o do persoal. Que a xente que traballa de cara ao turista estea nun entorno laboral amigable, cunhas condicións óptimas, tamén se debería considerar turismo sostible. Porque de todo isto tamén depende o éxito ou fracaso dunha idea e dun negocio», explica.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Estou convencido de que este ano vai ser histórico na chegada de peregrinos»