Begoña Rial: «Cada vez imos antes ao psicólogo»

xoán r. alvite MAZARICOS / CORRESPONSAL

MAZARICOS

alvite

Argumenta que é máis doado traballar con nenos, que carecen de vicios e costumes

01 feb 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Acudir á consulta dun psicólogo estase a converter en algo máis ou menos habitual entre os barbanceses. E non tanto porque se perciba un aumento importante na incidencia daquelas patoloxías susceptibles de ser tratadas por estes especialistas, senón polo cambio na percepción que as persoas empezamos a ter cara o descoñecido mundo da psicoloxía. Así, ao menos, o corrobora Begoña Rial Calvo, que leva máis dunha década compaxinando o seu labor profesional no gabinete Aquelar coa prestación de servizos no Concello de Mazaricos.

«Hai un cambio de paradigma dende fai anos nas visitas e consultas que a xente fai aos servizos de psicoloxía. Se tradicionalmente se acudía por e ante trastornos patolóxicos, na actualidade non é necesario sentirse enfermo para poñer en marcha esta decisión», explica esta profesional. Engade que unha alta porcentaxe das persoas que acoden solicitan axuda non tanto para curarse porque estean enfermas, senón porque queren mellorar algún aspecto emocional, educar mellor, potenciar as súas habilidades sociais, ou para superar as dificultades que se lle presentan na súa vida diaria e cotiá.

«As relacións humanas, en gran medida debido aos novos xeitos de relacionarse que permiten as tecnoloxías da información e da comunicación, están cambiando de xeito importante. Cada vez valóranse máis determinadas capacidades e habilidades sociais que, coa axuda dun profesional, podemos aprender a explotar e potenciar», comenta Begoña Rial, que incide no feito de traballar neste eido a unha idade o máis temperá posible. «En determinados aspectos, resulta moito máis fácil traballar cun neno que cun adulto, porque non ten tan interiorizados determinados vicios ou costumes. Cada vez imos antes ao psicólogo, porque o necesitamos», asegura.

Máis mulleres

Aínda así, Rial Calvo recoñece que boa parte do seu traballo actual, principalmente no ámbito da atención municipal, segue sendo o relativo a conflitos familiares, procesos de dor, sintomatoloxías ansiosas e depresivas, e sobrecargas derivadas de relacións de coidados a dependentes, ademais da atención e intervención con persoas vulnerables e en situación de risco social. «Por suposto, o noso labor nestes eidos segue sendo determinante porque somos, en moitos casos, o único apoio co que conta o doente. Lamentablemente, cada vez atendemos máis casos vinculados á conflitividade no ámbito doméstico», sinala a especialista. Apunta cara unha maioritaria presenza feminina nas súas consultas: «Acoden moitas máis mulleres que homes, probablemente porque estamos máis afeitas a pedir axuda cando nos atopamos nunha situación adversa, unha consecuencia máis do sistema patriarcal no que, en determinadas circunstancias o papel da muller estaba e segue estando desgraciadamente, nun plano inferior ao dos homes».

A pesar das dificultades coas que di atoparse o seu colectivo á hora de prestar unha atención continuada e de calidade no eido institucional, «a intervención social segue sen ter demasiado interese para as administracións». Ela amósase satisfeita co seu labor e co recoñecemento que dela fan os usuarios: «Eu creo que valoran e agradecen o noso traballo de asesoramento, valoración, intervención ou acompañamento á hora de buscar solucións ás súas problemáticas».

A psicóloga quéixase, sen embargo, da baixa participación que se rexistra nos programas comunitarios: «Á xente séguelle custando tomar partido en iniciativas encamiñadas a tratar problemas de todos como a violencia de xénero, o acoso escolar ou as condutas aditivas. A isto súmanselle as escasas dotacións económicas e de persoal que sofren os departamentos de servizos sociais, principalmente no rural».

A pesar disto, Rial Calvo non se rende e xa está traballando nun ambicioso proxecto municipal dirixido ás familias, especialmente a aquelas que teñen pequenos ou intención de telos: «Trátase dun programa psicoeducativo que englobará atención nas diferentes etapas evolutivas das familias e dos fillos con actividades prenatais, estimulación temperá, dificultades de aprendizaxe, xestión emocional, prevención de condutas de risco... Tentamos darlle prioridade a aquelas familias con situacións complexas ou con menores que presentan dificultades».