Juan Blanco: «O empresario ten que dar o paso á hora de xestionar o produto turístico»

MAZARICOS

ALVELA

Asegura que a xente que acode á zona sabe que non está masificada e busca tranquilidade e boa gastronomía

29 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Mazaricos e presidente de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), Juan José Blanco Riveiro, tamén é empresario turístico e, polo tanto, fala con coñecemento de causa das relacións que existen neste sector entre o papel impulsor das institucións e a necesaria implicación dos profesionais.

?¿Que posibilidades e retos ten o turismo na comarca?

?Eu creo que o que hai é que saír da tempada de verán. O que precisamos é poder diversificar e ter actividades durante todo o ano. Nesta campaña de verán houbo un baixón. Todo o mundo está a dicir que vén menos xente. Entendo que ao mellor outros destinos están collendo forza e aí non podemos quedar atrás.

?¿Pódese seguir pensando que todo vén feito sen moverse?

?Dende logo que non. Temos que traballar en conxunto e ter unha estratexia en común, cousa que é difícil tamén. Pecamos moito de cada un vai por o seu lado. A idea de ter un plan estratéxico, facer campañas, diversificar ao longo do ano... crear nós produto sen que veña todo feito, porque iso non pasa, é unha das claves importantes. Quizais a única forma de ter futuro no turismo.

?¿Pensa que a CMAT pode ser o instrumento definitivo nesta coordinación, despois de todo o que lle custou arrincar?

?Eu creo que agora mesmo é o único instrumento que vai a estar aí para iso. O único organismo que seguirá aí coa Xunta e cos concellos é a CMAT. Poderá gustar máis ou menos, pero eu creo que ten que ser o instrumento de xestión do turismo.

?¿Que fai falta ademais diso?

?Despois está o papel das empresas. As Administracións podemos chegar ata un punto, pero o empresario é o que ten que dar o paso á hora de xestionar o produto turístico. Aquí é onde eu considero que temos un déficit moi importante, no nivel de implicación dos profesionais.

?¿A que nivel está esa implicación pola parte dos concellos?

?Esa etapa de inicio na que había certas desconfianzas xa pasou. Creo que eses temores en parte aínda eran herdanza do rastro que deixara Neria, pero eu penso que agora todos os concellos entenden que a forma de xestionar o turismo é a CMAT, que hai pasar polo aro e traballar.

?¿En que iniciativas das que hai en marcha ten posto un maior número de esperanzas?

?Por exemplo, para a semana que vén temos unha reunión con Nava Castro para abordar o asunto das rutas de BTT. Agora xa se está pensando nelas como un conxunto, porque inicialmente só estaban deseñadas para unha zona moi concreta e agora xa se prevé que se estendan dende A Laracha para abaixo, ata Carnota. A idea de conxunto xa está inventada, non a creamos nós. Agora, do que se trata é de sabela aproveitala e aplicala nun sentido positivo.

?¿Son estas a fortalezas que ten o territorio e que se poden vender de cara ao exterior?

?Dende logo a natureza é o maior encanto que temos no noso entorno. Non hai máis que ver o Camiño dos Faros o ben que está funcionando sobre unha riqueza que xa estaba aí, que non houbo que inventar. O que hai é que fomentala e promovela.

?¿Que imaxe teñen do territorio fóra? ¿Que puido percibir nas feiras ás que asistiu?

?Teñen unha imaxe de calidade, de boa gastronomía, de que non somos unha zona masificada como poden ser o sur de España ou as illas. Por iso a xente que quere vir aquí busca outro tipo de cousas: tranquilidade, un turismo familiar. Cando vai ao Mediterráneo pensa no sol e cando vén aquí, nunha boa comida. Aí fóra saben que existimos. O noso gran hándicap é a meteoroloxía. Hai que buscar produtos que poidan venderse todo o ano.

?¿Segue sendo o Camiño a base fundamental? ¿Como se coida?

?A maneira de coidalo pasa pola calidade non hai outra vía, porque todo o mundo queremos que pase pola nosa porta, pero vai por onde vai. De aí que a base, coma sempre, estea na calidade e iso non se lle pode pedir só as Administracións. Non pode ser que a CMAT ou quen sexa saque un curso e estean catro. Claro que fai falta formación, pero o hostaleiro tamén ten que querer. Hai que esquecerse que veña todo mascado, as cousas hai que traballalas e teñen que por da súa parte. Nos chegamos ata un punto, pero cada un terá que crear os seus produtos.

O presidente da CMAT, Juan José Blanco Riveiro, xustifica o investimento público en materia de turismo como unha maneira de promover a actividade privada e pon como exemplo dos resultados que poden chegar a conseguirse o seu municipio, Mazaricos, no que se está a intensificar, da man da Administración local, a promoción dos importantes recursos que ten.

?¿Quizais o caso do seu concello sexa paradigmático das posibilidades que aínda quedan?

?Si, claro. No noso caso houbo un cambio na promoción turística que se demostrou beneficioso, porque a xente inviste e iso nótase. As prazas de aloxamento triplicáronse en Mazaricos, e aínda hai varias iniciativas máis. Algunhas delas xa están en execución e outras en proxecto. Isto significa que a promoción e o coñecemento do produto dan resultados. Cando, ao mellor sen darte conta, cambias de pasar totalmente desapercibido a que che coñezan un pouco, iso supón que a xente queira vir e a que os veciños de aquí queiran investir. Estamos falando de xeración de riqueza, que moitas veces non se ve de maneira inmediata, pero que si nos acaba dando a razón aos que apostamos por este tipo de investimentos públicos.

?¿Cal é a actualmente a situación de Carnota, que mostraba moitas reticencias con respecto á súa incorporación á CMAT?

?Moi boa, agora mesmo xa está incorporada dentro da CMAT sen problema ningún e penso que así ten que ser, porque non se pode falar da Costa da Morte a nivel turístico e non falar de Carnota.