Medio século de vida da cooperativa Grille

La Voz

MAZARICOS

alvite

O aniversario foi celebrado cun xantar de confraternidade á que acudiron medio cento de comensais

28 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A cooperativa de Grille, en Mazaricos, cumpre 50 anos e quixo celebrar un aniversario tan significativo cunha comida de confraternidade á que acudiron medio cento de comensais, entre veciños e persoas vinculadas á institución. O acto, conducido polo actual presidente, Xoán Manuel Ramos Rodríguez, arrincou coa entrega duns agasallos aos catro socios que seguen vivos e que acudiron á celebración -Mercedes e Manuel Suárez, José Ponte e José Currais- e aos familiares dos que non puideron estar.

Na súa intervención, Ramos Rodríguez destacou o papel que xogou a cooperativa á hora de dinamizar o lugar e o logro que supuxo que, por exemplo, moitas familias evitasen ter que emigrar ou lograsen mandar os fillos a estudar a outros lugares grazas á mellora das condicións de vida que supuxo a explotación comunitaria da terra. Neste sentido, o presidente destacou o esforzo, valentía e determinación dos socios fundadores e agradeceu o esforzo e colaboración de moitas persoas que fixeron posible tanto o nacemento da cooperativa como o de que aínda continúe viva. Tivo un especial recoñecemento para Amador Rodríguez Troncoso, primeiro axente de Extensión Agraria de España, que «foi determinante no nacemento do que hoxe é Grille Sociedade Coooperativa Galega».

Un camiño de atrancos

Cunha gran lucidez, a pesar de ter cumpridos os 96 anos, Rodríguez Troncoso tamén quixo intervir cun emotivo discurso no que recordou as enormes dificultades que existían daquela para poñer en marcha este tipo de proxectos. Para sorpresa dos asistentes, relatou a prohibición expresa que existía a finais da década dos 60 de comprar vacas leiteiras fóra de Galicia, pois o interese dos organismos públicos dirixíase ao gando de carne.

O veterano técnico -tamén recibiu un agasallo conmemorativo do aniversario- destacou a perseveranza que sempre amosaron os veciños de Mazaricos para poñer en marcha este importante proxecto cooperativo.