«En 'Lumes' hai moi pouca poesía, é todo bastante real»

MAZARICOS

MARCOS CREO

O escritor de Mazaricos Ismael Ramos vén de publicar o seu terceiro poemario

28 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois do éxito colleitado con Hábitat/Interferencias (Concello de Outes, 2013), e Os fillos da fame (Xerais, 2016), Ismael Ramos regresa á actualidade literaria con Lumes, un poemario editado por Apiario. Trátase dun volume que, como recoñece o propio autor, levaba tempo no forno: «Comeceino a escribir no 2012, cando rematei o Bacharelato, pero non sabía que estaba escribindo este libro, estaba plasmando cousas. O proceso de escrita, edición e publicación durou cinco anos».

Non é doado determinar, como en calquera libro de poesía, o fío condutor, pero Ismael Ramos achega algunha pista: «Lumes é un libro sobre a familia, sobre o amor e o odio. As relacións familiares son algo construído, que nos ensinaron, pero non naturais. Ese é o cerne do libro, pero tamén decatarse de que para poder chegar a ese amor hai que coñecer primeiro todo o malo».

Engade, ademais, que nesta nova obra hai moito da súa terra mazaricá: «Hai moito de min e tamén hai moita presenza dos lugares, deses recunchos que se van deshabitando e perdendo. Incluso Mazaricos sería o lugar ideal para ler o libro».

Unha obra tenra e dura

Con respecto aos seus anteriores traballos, o autor sinala que a gran diferenza foi «ese vagar á hora de escribir o libro, pero tamén a verdade que desprende a obra, hai como unha realidade que case se pode tocar. En Lumes hai moi pouca poesía, é todo bastante real».

O escritor, ao que xa lle chegaron as reaccións dalgúns lectores, asegura que a lectura que máis lle sorprendeu é a que fixo a súa propia familia: «Hai xente que pensa que é unha obra moi dura e eu tamén o creo, pero os meus familiares ríronse moito. É un libro tenro, escrito con cariño, pero desde o cariño tamén se pode ferir».

A elección do título foi un dos pasos máis complexos do proceso creativo: «Hai un poema que se chama A escuridade, no que unha voz poética di que lle gustaría ver á familia ao lonxe, como lumes. O lume é algo que está lonxe e brilla, e que queremos acadar, lume como eixo e centro dunha casa e tamén lume como curación, a través da cauterización, pero tamén coma o dano que pode provocar. Poñer títulos é algo moi complicado».

Ismael Ramos, que ten fixadas na súa axenda presentacións en Vigo, Bueu e Pontevedra, ansía celebrar un acto en Mazaricos: «Teño moitas gañas de que os meus veciños o escoiten lido por min».