O veciño de Lousame que atesoura un século de lembranzas

adriana quesada / A. G. RIBEIRA / LA VOZ

LOUSAME

Adriana Quesada

Arturo Vázquez relata as súas vivencias durante os anos da ditadura e como traballador da mina de San Fins

02 ago 2022 . Actualizado a las 05:10 h.

Os inicios do século pasado aínda viven na memoria da xente máis lonxeva, que pasea de xeito silandeiro polas aldeas galegas esperando a que alguén lles pregunte polo pasado. Este é o caso de Arturo Vázquez (Lousame, 1922), quen o mes de xuño cumpriu 100 anos rodeado por todos os seus familiares e seres queridos. Cun século de vida é unha valiosa caixa de lembranzas.

A pesar da avanzada idade, é quen de rememorar con precisión boa parte da súa vida. Durante os anos infancia asistiu ao colexio en Vilacoba, ata onde ía andando cada día cos seus catro irmáns: «O camiño levaba media hora e, cando chovía, púñamos un saco na cabeza para taparnos». Aínda recorda o nome do seu mestre, «don José», e todas as trasgadas que fixo durante a xuventude.

Debido a que a súa mocidade coincidiu co inicio da ditadura, cando chegaba á escola o primeiro que facían era cantar o Cara al sol, o himno oficial daquel momento. «A canción falaba da camisa nova, pero todos levábamos cousas vellas». Despois do colexio comezou a traballar na casa para, antes de ir ao servizo, dedicarse a facer os mangos das ferramentas que se empregaban na mina de San Fins.

Arturo Vázquez non foi á guerra debido a que era demasiado novo, pero recorda aquela etapa: «Estase mellor agora, que un pode comer e beber cando quere». Na súa memoria aínda viven as imaxes da Garda Civil indo as casas dos veciños en busca de xente moza para levala ó fronte. Incluso asegura que, cando alguén gritaba na rúa «viva a República», o que facían todos era correr a casa para agocharse por medo ó que puidera pasar.

Un irmán agochado

O pai de Arturo, ao igual que moitas familias desesperadas, escondía ó seu irmán na casa para que non o levaran á guerra. «Cando a policía se achegaba aquí, dicía que non sabía del». Por ese motivo levábano á mina para facerlle un interrogatorio: «Ademais das preguntas dábanlle no lombo». Conta a súa neta, Maricamen López, que o home levou «lategazos» por esconder ó seu fillo.

Arturo Vázquez relata que no 1944 foi chamado para facer o servizo. Desta forma deixou o seu traballo na mina de San Fins para marchar á Estrada, onde fixo o primeiro ano, e despois a Figueirido. «Recordo moi ben a todos os que foron meus compañeiros durante ese tempo», asegura. Pero ao rematar os dous anos tivo que regresar ao seu fogar, onde atopou que o seu antigo posto de traballo xa fora ocupado.

«Non querían botar ó que estaba, pero cando lles dixen que viña do exército remataron dándome outro posto». Desta forma, Arturo Vázquez rematou traballando na casa de Luis, xefe daquela da mina de San Fins, onde se dedicou a coidarlle a terra e os animais. Segundo comenta Maricarmen López, «meu avó nunca chegou a traballar dentro da mina, se cadra por iso ten agora 100 anos».

Durante o tempo no que a mina de San Fins motivou que moita xente chegara a Lousame para traballar, Arturo Vázquez e a súa familia converteron a casa nunha especie de pousada. Desa forma, as persoas que vivían máis lonxe evitaban ter que camiñar ata a súa aldea de forma diaria. «Aquí houbo xente por toda a casa e tratabámola coma se foran de aquí», asegura Arturo.

Na actualidade reside con dous dos seus fillos e asegura que dedica o tempo a estar tranquilo. Subliña que a pesar de que «a cabeza funciona moi ben, o corpo xa non é o mesmo». Cando tiña 80 anos ía de excursión a Portugal ou ás romarías, pero agora iso é algo que lle resulta moi canso e, incluso, viaxar no coche prodúcelle malestar.

A pesar da súa idade, Maricarmen salienta a boa saúde da que goza seu avó, que toma tan só dúas pastillas, «aínda que queixar sempre se queixa de algo, é moi mimoso». De feito, o único que lle estrañou no momento de vivir o confinamento causado pola pandemia foi deixar de recibir visitas. «Desapareceu todo o mundo, pero polo resto seguiu igual», asegura a neta.

Arturo non ten consellos que dar para conseguir chegar a súa idade e, moito menos, coa súa boa saúde, afirma que se trata dun logro sen receita. Aínda así, el considera que o feito de ter a súa idade non é algo realmente salientable: «Os 100 anos son coma os 99».