Lousame recupera para os nenos a gran Festa do Galego

LOUSAME

Haberá obradoiros, pinchadiscos e actuación dos Fantoches Baj

08 may 2021 . Actualizado a las 23:05 h.

Coincidindo coa conmemoración do 17 de maio, o Concello de Lousame decidiu recuperar as actividades culturais, que estaban paralizadas por mor da pandemia. A primeira das citas programadas e unha nova edición, a décimo novena, da gran Festa do Galego, dirixida coma sempre ao público infantil. Terá lugar o vindeiro sábado, na praza do Concello, e consistirá en obradoiros, música a cargo do pinchadiscos Marifaltri e teatro con Fantoches Baj e o seu espectáculo Os velocíclopes.

Mentres teñen lugar estas actividades lúdicas, os asistentes terán ocasión de mergullarse na vida e na obra de Xela Arias, homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, a través da exposición Aquela nena de Sarria. As entradas para asistir a esta festa estarán a disposición dos veciños, de forma gratuíta, na plataforma dixital BandoTicket, creada xa en Lousame en xaneiro, pola visita dos Reis Magos.

Nun acto que contou coa presenza da concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, e do técnico deste departamento Eduardo Agraso, tamén se deron a coñecer outras actividades que se levarán a cabo, entre as que figura a tradicional homenaxe á figura de Zernadas de Castro. Consistirá nunha ofrenda floral que terá lugar o día 17 diante do seu busto, aínda que nesta ocasión o acto non será público. Iso si, difundirase a través das redes sociais. Do mesmo xeito, o 28 será inaugurada unha mostra sobre este escritor na casa de cultura da localidade.

Pola súa banda, o Club de Xubilados de Lousame recuperará as actividades culturais abrindo, o día 17, unha exposición de fotografías na súa sede.