Néstor Romero: «O deporte é solución, non un problema»

Destaca as ganas da sociedade por competir e a necesidade de volver á práctica física


Ribeira / la voz

Falar de deporte é en parte facelo de Néstor Romero (Lousame, 1978). Técnico deportivo no seu concello natal, presidente do Club Lousame Deporte e ex adestrador de fútbol en equipos como Xallas, Mazaricos, Noia, Puebla, Boiro, Conxo e Compostela, vén de organizar a proba competitiva máis importante do Barbanza dende o comezo da pandemia. O seu Trail San Silvestre superou as expectativas e, afirma, fíxoo cun protocolo seguro grazas ao cal os participantes puideran sentirse de novo corredores.

-Que valoración fai da proba?

-Moi positiva. Consideramos que era unha época difícil, pero creemos que o deporte é solución, non un problema. Sobre todo si se fan ben as cousas, porque a sociedade necesítao. Moita xente nolo dixo ao rematar a proba. Arriscamos para facer un evento nestas condicións, pero o protocolo levouse a cabo moi ben e a asistencia foi grande. Fallou xente polos peches dos municipios, pero en xeral estamos moi contentos. E tivemos un crecemento moi grande no peque trail. Chegamos a 70 e pico rapaces.

-Entón considera que poden organizarse actividades deportivas a pesar da pandemia?

-Creo que se deben facer. A sociedade necesítao. Sobre todo a nivel mental, porque esta situación pode traer moitos problemas a longo prazo. Como organizador tes que investir, facer un protocolo para que non haxa problemas. Nós cremos que se pode conseguir e así o demostramos, e sobre todo nun entorno natural. En probas de asfalto igual xa é máis difícil levalas a cabo, porque hai máis xente e está máis pegada. Nós fixemos saídas por grupos, un quilómetro coa máscara, pistas amplas nas que poder adiantar... Creo que o conseguimos e non houbo ningún problema. E a verdade é que os corredores responderon moi ben.

-Sen a súa colaboración sería imposible, me imaxino.

-Claro, os participantes son moi importantes porque son os que teñen que cumprir as medidas. E no noso caso en ningún momento houbo que dicirlles nada. Foron exemplares. Os participantes tamén queren que se fagan eventos, pero hai que organizalos en condicións seguras. Non de calquera forma.

-¿Teñen previsto facer algo máis?

-Nós de momento en Lousame, falo como técnico, levamos traballando dende que acabou o confinamento. Demos clases de ximnasia, aínda que nun formato reducido e marcando distancias. Levamos dende xuño sen problema algún e a xente agradéceo moito. Tivemos que duplicar as horas. E de cara ao mes de xuño queremos facer o segundo trail nocturno no entorno do mosteiro de San Xusto. Hai que ver como evoluciona isto, pero o mundo non se pode parar. A saúde é moi importante, pero o deporte tamén é moi importante para a saúde. Se pasamos un ano sentados no sofá vamos a ter un problema a nivel de sociedade. Os organizadores temos que ser valentes e pensar no ben da xente.

-Recomenda a outras persoas que organicen actividades entón?

-Si, pero tomándose as cousas en serio e tendo os medios suficientes para facelo. Iso si, dá máis traballo que se non houbera esta situación porque tes que mirar todo con lupa. Nós temos moito voluntariado, e implicado. Eles tamén querían que se fixera. Tivemos moita sorte porque sen a súa axuda sería imposible. Esta situación está a facer dano e a xente necesita deporte. Non falo de probas de 2.000 persoas, pero si se están facendo cousas. Se pode correr un deportista federado tamén o pode facer un que non o é. É tan importante un coma o outro.

-Estivo moitos anos no fútbol, non ten pensado volver?

-Véxoo complicado, o fútbol a nivel adestrador sácache moito tempo e agora mesmo teño outras prioridades. Necesito máis tempo libre e o tempo que me saca o fútbol non me compensa. A vida son etapas e nesta gústame facer outras cousas. Nestes momentos é algo que vexo lonxe, non podo dicir que non volverei nunca. Quizais se viñera un equipo cunha seguridade e un proxecto a longo prazo, como estiven en Mazaricos, que foron tres anos traballando. Se ven un proxecto así e con xente de fútbol seria e que sabe o que quere, habería que estudalo.

-E cal é a meta do Club Lousame Deporte?

-Creouse para fomentar a actividade deportiva e como complemento da municipal. Unha vez que tiñamos o club, apareceu xente que tiña inquedanza na montaña, entre eles eu tamén, e engancheime con eles. E metémonos ao tema do montañismo. A partir de aí abrimos unha sección de montaña para a xente de Lousame. É un club aberto á poboación de Lousame, ás necesidades da xente e para que non teña que estar dispersa.

Técnico. Romero exerce de técnico e monitor deportivo no concello de Lousame.

O fútbol. Tras décadas nos bancos, deixou o deporte rei, aínda que non descarta volver nun futuro.

Nova paixón. A montaña converteuse noutra paixón para o lousamiano.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Néstor Romero: «O deporte é solución, non un problema»