Lousame reivindicou a figura de Zernadas de Castro no Día das Letras Galegas

A concelleira de Cultura realizou unha ofrenda floral diante do seu busto


O Concello de Lousame aproveitou o Día das Letras Galegas para volver a reivindicar a figura de Diego Antonio Zernadas de Castro, máis coñecido como o cura de Fruíme. Por iso, neste 17 de maio volveuse a realizar a tradicional ofrenda floral diante do busto que se levantou nesta parroquia lousamiá e que este ano foi realizada pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, pero sen convocatoria pública, e só participaron os veciños que estaban a visitar aos seus familiares no camposanto.

 Se nos cinco anos anteriores a igrexa de Fruíme congregara a centos de persoas, a pandemia do coronavirus cambiou as cousas, e o Concello optou pola prudencia e por trasladar a Internet todas as celebracións do 17 de maio, programando a XVIII Festa do Galego de Lousame con actividades entre o 13 de maio e o 13 de xuño. Silvia Agrafojo explicou que «a ofrenda floral de hoxe non é máis ca un acto simbólico por mor dos tempos que estamos a vivir, pero a nosa reivindicación é igual de firme que en anos anteriores. Estamos convencidos de que Zernadas de Castro é a maior figura literaria galeguista do seu tempo e de que merece, xa dende hai moitos anos, que se lle dedique un Día das Letras Galegas».

 Neste sentido, lembrou as distintas iniciativas que está a levar a cabo o Concello de Lousame para apoiar a candidatura do cura de Fruíme. Entre elas figuran a edición en 2019 do libro O ilustrado cura de Fruíme: Diego Antonio Zernadas de Castro (1702 -1777), de Carlos García Cortés; o reparto en 2018 da separata Cara o III Centenario do Cura de Fruíme, publicada no número 38-39 da Revista galega de pastoral (1998) e asinada tamén por Carlos García Cortés; ou a conferencia de Xosé Manuel Rivas Troitiño, profesor asociado de Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid, ofrecida en 2017.

  Programación especial

  Un apoio que continúa neste ano 2020, como se pode comprobar na conferencia Zernadas de Castro e a súa obra, ofrecida polo escritor e ensaista Xulio Pardo de Neyra e á que se pode acceder a través da páxina de Facebook do Concello de Lousame. Nesta charla, Pardo de Neyra asegura que «neste momento (Séculos Escuros) é onde brilla a actividade do cura de Fruíme. Séculos escuros? Eu non vexo que sexan tan escuros como se pretendeu porque precisamente rastrexamos a importancia, o labor, a enteireza, o compromiso e a actividade do cura de Fruíme. O cura de Fruíme, malia ser unha illa no que era a cultura galega daquel momento, é unha personaxe levada dunha forza literaria case equiparable a un Quevedo na cultura castelá daquel momento», asegura Xulio Pardo de Neyra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Lousame reivindicou a figura de Zernadas de Castro no Día das Letras Galegas