Anxo Moledo: «Cando estea ben celebrarei o aniversario ao grande»

O virus obrigou ao concelleiro a recibir os 31 anos encerrado na casa, pero coas mensaxes dos amigos


ribeira / La voz

O voceiro do BNG de Lousame, Anxo Moledo, doulle onte a benvida aos seus 31 anos dunha forma moi distinta á que tiña pensado. Afectado polo coronavirus, leva en corentena dende o pasado día 13, cando a chamada dun amigo co que estivera a fin de semana anterior en Madrid supuxo a confirmación oficiosa de que os síntomas que comezara a sentir correspondían á infección.

Estar só no seu piso, sen máis compañía que o teléfono, Internet e a lectura dista moito do que figuraba na axenda de Anxo Moledo para o seu aniversario: «Tiña alugado un local en Madrid para celebralo con 60 amigos. Despois íamos ir a unha festa que se fai unha vez ao mes nunha sala de Madrid».

O concelleiro, que recoñece cansarse moito ao falar, explica que, en vista das novas circunstancias, os seus amigos lle propuxeron felicitalo mediante videochamadas, unha forma de aproximarse na distancia: «Díxenlles que non, porque non teño moito ánimo. Cando estea ben celebrarei o aniversario ao grande».

Iso si, as felicitacións non lle faltaron a este home amigo das relacións sociais, da conversa e de estreitar lazos. Asegura que a celebración de Madrid está en suspenso e que terá lugar en canto sexa posible.

Tras máis de dúas semanas de confinamento, o cansazo e a tos son dous dos problemas cos que debe batallar a diario, pero, polo que comenta, a súa evolución parece ser positiva.

Controis diarios

A infección require da realización duns controis diarios que xa se converteron nunha das rutinas do illamento de Moledo: «Teño que mirarme a saturación de osíxeno e a temperatura tres veces ao día, ademais de cubrir un formulario sobre aspectos relativos aos meus síntomas, se tuso ou teño dificultades para poder respirar».

Comenta que no seu caso facilita os datos mediante unha aplicación telefónica, pero que existe unha comunicación constante co persoal sanitario.

Estas xornadas de illamento non están resultando doadas: «O apoio dos amigos danme a vida». O maior desexo de Anxo Moledo é que este pesadelo remate pronto para todos, curarse e regresar á súa actividade.

Pese á enfermidade e a que a fatiga está a supoñer un importante inconveniente, Moledo non descoida as súas obrigas como representante municipal dos veciños de Lousame: «Miro toda a documentación que me chega do BNG e os asuntos relativos á actividade municipal». Indica que o venres pola tarde, a formación nacionalista ía realizar una asemblea por videoconferencia. Sen embargo, comenta que non participou porque tiña pouco ánimo.

Así que entre os controis médicos, o seguimento de cuestións relativas ao seu ámbito político, a lectura, a comunicación cos amigos e as películas, Anxo Moledo agarda o día no que se atope en perfectas condicións para darlle unha aperta á súa familia e aos seus camaradas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Anxo Moledo: «Cando estea ben celebrarei o aniversario ao grande»