Miguel García: «Toxosoutos invita á práctica de sendeirismo e de ciclismo de montaña»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

LOUSAME

cedida

Desde o aloxamento traballan na organización de probas deportivas e propostas culturais

10 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, nunha paraxe que convida á relaxación e ás longas camiñadas en pleno contacto coa natureza, abría as súas portas o albergue de Toxosoutos. Trátase dun aloxamento que está situado en dúas construcións que no pasado formaron parte do mosteiro que se alzaba nesta zona de Lousame. Aínda que de momento o proxecto está collendo impulso, a compañía que se fixo coa xestión destas instalacións municipais, Kairos, xa pensa en organizar actividades vinculadas ao turismo e á música para poñer en valor un contorno cun gran potencial. Así o conta o xerente da firma, Miguel García.

-Por que unha empresa dedicada á organización de eventos puxo os seus ollos no albergue de Toxosoutos?

-Desde o primeiro momento gustounos moito o edificio e o contorno no que está situado, porque vimos que podía ser o núcleo de moitas actividades que contribuirán a potenciar o lugar. Por iso nos animamos a participar no concurso de xestión que puxo en marcha o Concello de Lousame.

-Cales son esas potencialidades que viron no lugar?

-Fundamentalmente o contorno natural, pois o albergue está situado a dez metros do río e alí mesmo hai unha fervenza. Desde alí pódese acceder a varias rutas circulares de sendeirismo. Moi preto do establecemento localízase outra fervenza, máis grande, e alí incluso é posible bañarse no verán.

-Aínda que se denomina albergue, este aloxamento de Lousame non responde estritamente a dita categoría, non é?

-É un concepto que se sae bastante do habitual, dese albergue típico que nos leva a pensar nos peregrinos e en dormitorios comúns. O cuarto máis grande é para catro persoas, logo hai un triplo e outro dobre, e todos con baño propio. Despois hai unha segunda casiña con capacidade para dúas ou tres persoas. Está entre un albergue e unha casa rural.

-A que público se dirixe?

-É un aloxamento ideal para familias, polo tipo de cuartos que ten, pero tamén para xente que busca retiros espirituais. É un lugar tranquilo, onde case nin cobertura hai, e a fervenza constitúe a música de fondo. Hai grupos que acoden a este lugar para practicar ioga.

-Unha vez conseguida a xestión do aloxamento, en que fase están na actualidade?

-Houbo un longo camiño que percorrer ata aquí, sobre todo relativo á posta a punto das instalacións, polo que de momento o que fixemos foi ofertalo como aloxamento turístico. A partir de agora é cando empezaremos a traballar en dotar este proxecto de contido para ofrecerlle ao visitante experiencias completas.

-En que tipo de turista están pensando?

-Temos en mente captar a xente de Galicia e incluso de fóra da comunidade que non busca a praia, aínda que está a poucos quilómetros, senón outras alternativas de lecer.

-Cal é o punto forte?

-O punto forte é todo aquilo que teña que ver coa natureza. Toxosoutos invita á práctica de sendeirismo e de ciclismo de montaña. Iso sen deixar de lado a oferta cultural, pois moi preto están as antigas minas de San Fins, co seu museo, e tamén queremos instalar uns paneis que lle permitan á xente ver como era antes o mosteiro, pois actualmente o que se conserva en pé é a igrexa e a casa reitoral.

-Como van as reservas?

-Pois estamos comprobando que o lugar está chamando a atención dos turistas, pois xa tivemos moitas consultas. Temos xa algunha reserva pechada, incluso desde as Canarias, para o verán.

-Agora empeza quizais a fase máis complexa, a de conquistar o público para que veña.

-Si, e por iso agora toca investir nesa área, pero temos moita ilusión. Estamos barallando diferentes ideas para a organización de eventos que axuden a darlle difusión ao mosteiro, a poñer Toxosoutos no mapa. O ano pasado levamos a cabo un trail nocturno que queremos repetir, e a idea é organizar actividades similares, porque esta zona préstase a iso. Outra das alternativas que temos enriba da mesa para o futuro ten que ver co eido musical.