As brigadas deseucaliptizadoras volveron ao monte de Froxán

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez NOIA

LOUSAME

CEDIDA

Unha trintena de voluntarios eliminaron árbores invasoras e plantaron especies autóctonas

29 dic 2019 . Actualizado a las 20:04 h.

Despois do intenso traballo desenvolvido ao longo deste ano, as brigadas deseucaliptizadoras quixeron realizar unha última actividade en Froxán antes de despedir o 2019. O monte de Lousame, que ten un recoñecemento do programa ambiental das Nacións Unidas, recibiu esta mañá a visita dunha trintena de voluntarios que se empregaron a fondo para retirar eucaliptos e outras especies exóticas invasoras.

A actividade das brigadas terá continuidade no vindeiro exercicio. De feito, os participantes na xornada tamén se dedicaron a preparar e acondicionar o acceso a unha zona na que está previsto actuar nos vindeiros meses para a retirada de acacias. Hoxe, ademais de eucaliptos, elimináronse tamén mimosas.

A maiores, realizouse unha nova plantación de especies autóctonas. En concreto, reforestouse o monte de Froxán con ameneiros, carballos e freixos.

Despois do duro traballo desenvolvido ao longo da mañá, os brigadistas puideron repoñer forzas cun xantar popular que se celebrou na mesma zona.