Osorio Anes: Un trobador para Lousame

PASTOR RODRÍGUEZ

LOUSAME

26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Osoiro Anes é un dos poetas máis antigos da poesía galega e, sen dúbida, o máis antigo do Barbanza. Fillo de Johan Froaiz Mariño, que fixo testamento en Toxosoutos en 1220, e de Urraca Fernández, pertencía á poderosa liñaxe dos Mariño, con terras na ría de Arousa e na bisbarra de Noia. Crese que naceu en Toxosoutos entre 1195 e 1200, fixo testamento o 15 de abril de 1236 e pouco despois faleceu. Sábese tamén que foi estudante en París, onde se atopaba en 1220, e logo sería cóengo en Compostela. Trobador e non xograr, activo no primeiro terzo do século XIII, do que conservamos oito cantigas de amor, o xénero do lirismo trobadoresco galego-portugués máis próximo á tradición provenzal. Destas, só unha ten refrán, pois as outras son de mestría. Armando Cotarelo Valledor publicou no Madrid de 1933 o traballo Los hermanos Eans Mariño, poetas gallegos del siglo XIII, que aparecera antes no boletín da Academia Española e no que editaba tamén textos de Martín e Pero Anes Mariño, aos que cría irmáns de Osoiro, tese que hoxe negan os especialistas. Das súas cantigas, a segunda e a sexta só se conservan fragmentarias; as máis apreciadas hoxe son a terceira («E por que me desamades, / ai mellor das que eu sei?»), e tamén a primeira («Cuidei eu de meu coraçón…»), que presenta un tema excepcional no xénero da cantiga de amor, o da muller «en cabelos dizend’o son». Aparece na Chrestomatía Arcaica de José Joaquim Nunes (1906), e nas antoloxías de Gonçalves e Ramos en 1983 e na de Ferreiro e Martínez Pereiro en 1996.