Sara Filgueira: Unha profesora de galego con honores

Antón Parada RIBEIRA / LA VOZ

LOUSAME

CARMELA QUEIJEIRO

A lousamiá foi a mellor da súa promoción e acadou o premio de fin de carreira a nivel autonómico e nacional

14 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo está cheo de tópicos. Que se non medraches nunha cidade nunca chegarás a ser alguén nos estudos. Que se fuches pola rama de letras nunca destacarás academicamente. Afortunadamente, tamén hai casos que derruban tales falacias nas súas dúas primeiras liñas de currículo. A profesora de galego Sara Filgueira Lorenzo (Ces, Lousame, 1993) é o exemplo perfecto.

Con tan só 26 anos, xa conta cunha praza despois de aprobar as oposicións á primeira. E por se fose pouco, a lousamiá foi a primeira da súa promoción, pero os seus méritos foron máis alá dos corredores da facultade onde destacou. A filóloga tamén foi merecedora do galardón que entrega a Xunta aos mellores estudantes graduados de cada ano na súa titulación.

Mais, lonxe de restarlle importancia a este recoñecemento, Sara Filgueira pode presumir de ser a gañadora do Premio Nacional de Fin de Carrera, no apartado de Humanidades. Ou o que vén sendo o mesmo, logrou que o Ministerio de Educación do Goberno de España distinguise a unha titulada en Filoloxía galega. Un exemplo de valor incalculable para a lingua que de seguro acabará por deixar semente.

Os comezos

O certo é que Filgueira non é quen de lembrar o momento exacto no que a vocación pola ensinanza espertou nela. Sen embargo, houbo certas pistas naquela nena que xogaba a impartir clase ante unha audiencia conformada por bonecos, unha cativa que logo medrou para converterse na rapaza á que se sentía ben ensinando e lle «gustaba axudar aos compañeiros resolvendo dúbidas».

A cada mestre que lle marcaba e se gañaba o seu respecto como referente, dende os primeiros anos no CPI Cernadas de Castro ata a súa etapa de bacharelato no instituto noiés Virxe do Mar, íase atallando o camiño que a levou a ingresar na facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

«O idioma para min é algo importante, forma parte da miña esencia e identidade», explicou a docente sobre o que a levou á súa actual profesión, aínda que había outro motivo fundamental: «Fixen o que tiña ganas de facer». A importancia desta última afirmación radica na serie de frases que a acompañaron a ela e á súa familia cando tomou aquela decisión.

«Ai, pobriña, é unha pena, non lle deu a nota para outra cousa?» ou «pois non ten moita saída, non?» foron algunhas das reaccións de persoas ás que lles resultaba estraño a elección daquela estudante de boas cualificacións, e das que agora Sara pode lembrar sorrindo e sinalando o importante que foi contar co apoio da súa familia en todo momento, para decidir a onde se encamiñarían os pasos da súa vida.

Faceta investigadora

«Cando estabamos na carreira, pensaba na docencia, pero ningunha pensaba que fósemos a aprobar», indicou Filgueira dos anos de universidade esforzándose sen moitas garantías de que lograría dar clase nun futuro próximo. Non dubidou, moito menos pensou en renderse, e cando se graduou no 2015 seguiu esforzándose ao máximo.

Todo aquel traballo permitiulle acadar unha bolsa como colaboradora no Instituto da Lingua Galega, onde estivo oito meses traballando nun proxecto sobre a prosodia e a entoación -ámbito no que comezara a especializarse no seu Traballo de Fin de Grao-, analizando gravacións de galegos de todo o territorio. Ao mesmo tempo realizou os seus estudos de mestrado e cando os rematou lanzouse de inmediato a polas oposicións.

Non obstante, tamén compaxinou a esixente preparación destas co inicio do seu doutoramento e unha nova beca no Centro Ramón Piñeiro, onde se mergullou nun proxecto de recompilación literaria e de publicacións en galego. Tivo que acabar renunciando a esta colaboración, non por algo malo, senón porque meses máis tarde aprobara conseguindo a súa praza.

Así foi como pasou un curso de volta na zona, no boirense IES A Cachada, para logo aterrar no compostelán IES Cacheiras. Que cal é o obxectivo dunha mente tan prometedora? «Lograr praza definitiva nun centro para involucrarme nos proxectos», sentenciou Sara, desexando traballar polo que sempre a motivou, un futuro para a nosa lingua.

Na Costa da Morte.

O Traballo de Fin de Grao de Filgueira, Contribución ó estudo da entoación do galego: variación dialectal e contacto lingüístico, analiza nesta zona a forma de entoar enunciados interrogativos entre falantes de lingua inicial galega e os da castelá. Foi dirixido pola doutora Elisa Fernández Rei.

Fin dunha etapa

Nesta fotografía tomada en xullo do 2015, ante a facultade de Filoloxía da USC, Sara celebraba un día especial coas súas amigas da promoción Ana, Alba e Iria. Acababan de saír da defensa dos seus traballos finais.