Juan Carlos Lorenzo: «Non me chegan as horas a nada»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

LOUSAME

cedida

Está xubilado, pero o lousamián reparte o seu tempo entre a pintura e a música

21 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos seus 64 anos, cando tiña que estar tranquilo e relaxado, Juan Carlos Lorenzo atravesa o período de máis ocupación da súa vida. Asegura que non lle queda tempo libre ningún. Este veciño de Lousame, que traballou practicamente sempre no mar, en barcos nos que exercía de cociñeiro, decidiu aproveitar a xubilación para desenvolver as súas afeccións e, como unhas foron chamando a outras, agora ten a axenda repleta.

A nova vida de Carlos Lorenzo comezou hai un lustro, cando deixou de traballar: «Algo tiña que facer, non ía quedar sentado na casa todo o día». Xunto cun grupo de amigos, anotouse a clases de música tradicional, decantándose pola gaita. Un deses compañeiros de aventuras faloulle da pintura e decidiu quitar unha espiña que levaba cravada desde neno: «A min sempre me gustara, o que ocorre é que por falta de tempo ou de oportunidades nunca probara».

E gustoulle desde o primeiro momento que colleu un pincel na man. Agora nada se lle resiste, aínda que o veciño de Lousame recoñece que a pintura realista, fundamentalmente as paisaxes, constitúen a súa temática preferida: «Vou por aí e, cando vexo un recuncho que me gusta, quítolle unhas fotos e listo». Séntese enormemente satisfeito dun cadro que fixo do mosteiro de Toxosoutos e tamén de outro da fervenza do Ézaro: «Son estampas que me impactaron moito e cando as plasmei no lenzo gustoume o resultado».

Agora, xusto despois de exhibir por vez primeira unha selección das súas obras, está mergullado en varios traballos á vez: «Sempre fago o mesmo, así como me van xurdindo ideas vou empezando a pintar e o habitual é que teña dous ou tres cadros en marcha de forma simultánea». Nestes intres está rematando un lenzo dunha parella que pasea baixo a chuvia, unha paisaxe de praia de grande formato que lle cederá ao club de xubilados de Lousame e unha obra do Juan Sebastián Elcano: «Gustábame o barco, vin unha foto e decidín lanzarme». Sostén que nada lle dá medo, e iso que foi a clases durante un ano e, desde entón, seguiu formándose pola súa conta.

Un grupo, unha coral e un coro

Carlos Lorenzo compaxina esta paixón pola pintura coa alegría que lle produce tocar a gaita. No mundo da música empezou da man do mestre Fernando Docampo, pero el e os seus compañeiros non tardaron en dar o paso de formar un grupo, O Son do Pote: «O de ir a clases estaba ben, pero chegou o día no que queriamos ir tocar por aí. A xente animouse a saír e houbo que buscarlle un nome á formación». Asegura que, vistos os resultados, aquela decisión foi a correcta: «Gozamos moito coas actuacións. Imos por bares e foliadas, alá onde nos chaman».

A relación con Fernando Docampo levou a este veciño de Lousame a integrarse tamén na coral Pedra Xeral de Cando, en Outes: «Facía falla unha renovación, el animounos a involucrarnos no proxecto e agora xa levamos máis de dous anos». E logo ingresou tamén no coro da igrexa de Tállara.

Tal é o día a día de Carlos Lorenzo que non dubida en asegurar: «Non me chegan as horas a nada». Vese incapaz de poñer unha das súas paixóns por riba da outra: «Non podería prescindir da pintura nin da música». Incluso, se a axenda llo permitira, estaría disposto a engadir outra afección: «Si que me gustaría desenvolverme máis como cociñeiro. Fixera dous cursos en Noia e logo traballei diso toda a vida, primeiro en Málaga e despois no barco». Actualmente é o mestre dos fogóns da súa vivenda.

Considérase o exemplo perfecto de que nunca é tarde para empezar a realizar as actividades que a un lle gustan: «Non entendo como unha persoa pode estar na casa sen facer nada, eu non sería capaz». No caso de Carlos Lorenzo, o de estar na casa é só por necesidade: «Xa me di a muller que me ve menos agora que cando andaba ao mar».