Deseucaliptización, un termo popularizado en Froxán é finalista á Palabra Galega do 2018

Antón Parada RIBEIRA / LA VOZ

LOUSAME

VERDEGAIA

Dende a Real Academia Galega recoñecen que a difusión desta verba pegou un pulo a través de novas iniciativas, no mesmo ano que naceron as brigadas deseucaliptizadoras no monte lousamiano de Froxán

19 dic 2018 . Actualizado a las 21:57 h.

«Os eucaliptos desprazaron as especies autóctonas en amplas zonas da paisaxe galega. Co propósito de recuperar o patrimonio natural dos nosos bosques, están a xurdir iniciativas centradas na súa retirada e substitución por árbores de noso», este é o breve texto coa que a Real Academia Galega (RAG) define a candidatura do termo deseucaliptización como finalista do certame da Palabra Galega do 2018, un concurso anual que xa popularizou verbas como afouteza, irmandade, refuxiados ou corrupción. Precisamente, unha desas «iniciativas», ás que a organización deste galardón lingüístico se refire son as brigadas deseucaliptizadores creadas este ano e cuxa primera acción tivo lugar no bosque de Froxán -distinguido pola ONU-, en Lousame.

RAG

Este colectivo ambiental, que dende o pasado mes de abril erradicou 553 hectáreas de eucaliptos en montes de 8 concellos das provincias de Coruña, Pontevedra e Ourense, chegou a alcanzar un tamaño de 350 participantes. No seo destes voluntarios, a nova de que dito termo é finalista no certame da RAG foi acollida con ledicia e manifestaron a súa satisfacción indicando a gran visibilidade «que isto pode dar a todas as iniciativas que están contribuíndo a eliminar estas especies exóticas invasoras do noso territorio».

Dende Verdegaia, un dos entes que impulsaron as brigadas, xunto coa Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfíns, recoñeceron con humor que «ata ás impulsoras do proxecto nos custaba pronunciar o seu nome». 

A votación

Os votos para elixir a Palabra Galega do 2018 de entre os seis finalistas -deseucaliptización compite con: fariña, fascismo, femenismo, sororidade e apoderamento- poderán realizarse a través da seguinte ligazón. Só se poderá emitir un sufraxio por ordenador e dirección IP cada 24 horas e o sistema pecharase ás 23.59 horas do día 25.