As brigadas deseucalitizadoras de Verdegaia desenvolveron en Campo de Lamas a súa última actividade deste ano

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

LOUSAME

VERDEGAIA

A acción posta en marcha pola entidade extendeuse a outros colectivos galegos e a persoas que actuaron a título individual, e teñen previsto volver o 12 de xaneiro, para traballar no monte de Amoedo, en Pazos de Borbén

09 dic 2018 . Actualizado a las 23:09 h.

Esta fin de semana, as brigadas deseucaliptizadoras de Verdegaia deron por finalizada a campaña deste ano cunha intervención no Campo de Lamas, que se atopa en terreos da comunidade de montes de Froxán, municipio de Lousame. Que a actividade se desenvolvese neste lugar ten que ver co recoñecemento polas Nacións Unidas como espazo ben xestionado e porque tamén foi aquí onde tivo lugar a primeira actividade deste grupo para eliminar manualmente especies árbores alóctonas.

Os brigadistas foron convidados a un albaroque, ao final da xornada, momento no que se aproveitou para facer un balance das experiencias vividas ao longo do ano. Moitos dos asistentes explicaron que a actividade lles reportou «unha satisfacción persoal que non lles produciría una mera protesta contra a realidade forestal galega, xa que traballando no monte temos a sensación de estar facendo algo realmente válido de cara ao futuro».

Dende a organización fíxose constar que esta actividade posibilitou actuar de forma proactiva a persoas inquedas pola degradación do monte e ante «a frustración que provoca o desleixo co que desde a Administración se trata o noso patrimonio natural».

Explican, por outra banda, que durante o ano foi aumentando o número de brigadistas ao amparo de Verdegaia, a título persoal ou con outras entidades, e anuncian que volverán o 12 de xaneiro, no monte de Amoedo, en Pazós de Borbén.