Manuel Miguéns: Seis décadas montando a festa en Tállara

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

LOUSAME

CARMELA QUEIJEIRO

A piques de cumprir 76 anos, non entra dentro dos seus plans tirar a toalla

05 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se perduran as festas, sobre todo as pequenas, é porque hai xente coma Manuel Miguéns. Este lousamián, coñecido como Talagra, leva nada menos que seis décadas liderando un dos grupos que cada ano por estas datas lidan a batalla máis singular da zona, da que sae gañador quen consegue organizar a xornada do San Roquiño máis potente. Lonxe de estar cansado de desempeñar este traballo altruísta e consciente de que cada vez son máis os obstáculos, sobre todo a nivel burocrático, non pensa, de momento, en tirar a toalla. Seguirá «ata que o corpo aguante».

Lembra con claridade que foi no 1958 cando asumiu a organización do día de San Miguel. Daquela xa contaba con experiencia na materia, aínda que traballaba desde a segunda fila: «Aquel ano comprárase a imaxe da Virxe de Fátima e a persoa que levaba a festa de San Miguel quixo cambiar. Pediume que seguira con el, pero eu colléralle moito cariño ao santo».

O arcanxo Miguel, representado na imaxe cunha espada na man, está considerado o xefe dos exércitos de Deus e esta vinculación coas guerras é a que desde o primeiro momento conquistou a Talagra: «O finado de meu pai, dous tíos meus e outros veciños foran á guerra do 36 e todos regresaran ilesos, algo que eu quería agradecerlle ao santo».

E foi así como el se converteu no encargado de organizar cada mércores do San Roquiño. Daquela, as tarefas a realizar pouco tiñan que ver coas que asume hoxe en día: «Iamos polas portas pedindo patacas e millo que despois vendiamos, e co diñeiro contratabamos dúas ou tres bandas de música». Manuel Miguéns foi testemuña da revolución das festas: «Unha banda custaba 300 pesetas e agora, para contratar unha orquestra xeitosa, hai que desembolsar dous mil euros».

Menos traballo ca antes

Aínda que mira cara ao pasado con certa morriña, lembrando como se desprazaba en bicicleta ou camiñando para cerrar o programa de actividades ou cando, máis tarde, percorría as verbenas da redonda para ver as orquestras en acción e falar cos seus responsables, non dubida á hora de quedar coas de hoxe en día: «Mellor son as de agora, máis descansadas para organizar, xa que case todo se fai por teléfono, e tamén para gozar, aínda que loxicamente non se pode estirar máis o pé do que dá a manta».

Talagra confesa que, por momentos, os menos, pensa en pedir o relevo, pero tarda pouco en cambiar de opinión: «Son os meus compañeiros os que me piden que quede e son eles os que fan o traballo máis duro. Eu xa non vou pedir polas portas». Pero si que se encarga da contratación das orquestras, unha tarefa que lle gusta moito e que, ao parecer, se lle dá moi ben. Se por algo se vén caracterizando o día de San Miguel é por ter a sesión vermú como prato forte, unha cuestión na que Miguéns pon todo o seu empeño: «Quero que a mellor orquestra das que contrato veña para animar a sesión vermú e, se non quere, pois descartada e a por outra».

Argumenta que é a súa parte preferida das celebracións e tamén á que acode a xente maior da parroquia, que, ao fin e ao cabo, é a que máis diñeiro achega para que os festexos se sigan levando a cabo. Hai incluso quen lle ten envexa polos seus logros musicais neste eido: «No pasado trouxen para a sesión vermú a Los Satélites e a Los Trovadores de Pucho Boedo. En edicións recentes veu Poceiro, que ao resto dos organizadores do San Roquiño non lle quería vir pola mañá, pero eu sempre conseguín o que me propuxen».

Pero a de San Roquiño é unha envexa sa. No fondo, tal e como explica Talagra, existía unha moi boa relación entre os organizadores das seis xornadas festivas: «Cada comisión quere ter o mellor día de festa, pero levámonos todos coma irmáns». El quere seguir formando parte desta familia, polo menos mentres siga contando co apoio dos seus colaboradores. Apunta que, despois de seis décadas contratando orquestras, aínda ten algún que outro soño por cumprir: «Traer para a sesión vermú a Los Satélites ou a Los Trovadores. Sempre me gustaron as orquestras grandes, as tradicionais. As modernas fan moito ruído. É certo que arrasan alí onde van, pero non son para aquí para o San Roquiño, aquí queremos agrupacións que fagan música».