Barbantia xunta en Lousame a María Vinyals e a Rosalía

Ramón Ares Noal
Moncho Ares RIBEIRA / LA VOZ

LOUSAME

MARCOS CREO

Aurora Marco e Ana Blanco deron vida ás escritoras ás que dedicaron moitos anos de investigación

25 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Rosalía de Castro finaba en Padrón en 1885, María Vinyals tiña 10 anos, polo que sería imposible que os seus camiños se cruzasen, pero a cultura é capaz de obrar milagres, e así foi como ambas as dúas escritoras coincidiron antonte, nunha fría noite de inverno, na casa de cultura de Lousame, da man da Asociación Cultural Barbantia, encarnadas en outras dúas mulleres extraordinarias que dedicaron moitos anos das súas vidas a indagar nas das dúas autoras: por unha banda, Ana Blanco, vicepresidenta da Fundación Rosalía de Castro, e pola outra, Aurora Marco, investigadora da obra e a vida de Vinyals, traballo que plasmou no libro De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista social, cuxa presentación era o acto central da xornada.

A mesa presidencial da cita mensual barbantiana ofrecía unha composición que non debía ser noticia: estaba integramente formada por mulleres, porque xunto a Ana Blanco e Aurora Marco sentáronse a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; e Patricia Torrado, en representación da asociación. Iso si, nun discreto apartado, o coordinador xeral da entidade, Pastor Rodríguez, presentou a cada unha, ao tempo que fixo patente os agradecementos.

Recital poético

En primeiro lugar, Ana Blanco deixou abraiado ao auditorio cando, cos seus 85 anos, trouxo a memoria de Rosalía ao acto recitando un dos poemas máis recoñecidos da padronesa, Miña santiña, que escenificou empregando un mandilón tras explicar que do seu contido podían extraerse conclusións sobre a invisibilidade do traballo das mulleres contra a que loitou María Vinyals. A vicepresidenta da Fundación Castelao, que dedicou corenta anos da súa vida a Rosalía de Castro, aínda tivo outras dúas intervencións poéticas, acompañadas polo son do piano dunha alumna da Escola Municipal de Música de Lousame.

Patricia Torrado, pola súa banda, centrou a súa intervención na propia María Vinyals. Empezou poñendo sobre a mesa a cuestión de se unha nena de casa rica debía meterse en problemas ou vivir desafogada, como era o caso da escritora nada no Castelo de Soutomaior e herdeira do marquesado de Ayerbe, que gañou o apelativo de Marquesa Vermella pola súa militancia esquerdista: «Non era capaz de estar de costas á sociedade da época, a das mulleres zurcindo calcetíns dos maridos, ou mesmo dos criados», abondou Torrado. «Foi unha pedra no zapato nos seus tempos», engadiu antes de facer un percorrido pola súa ampla traxectoria, que a sitúa como unha das grandes escritoras galegas e españolas do seu tempo, pero pouco recoñecida.

Un exemplo

Pola súa banda, Aurora Marco tomou a palabra, primeiro, para expresar a satisfacción que lle supuña estar en Lousame, de onde é o seu marido, nun acto de Barbantia e preto da súa residencia, Miñortos (Porto do Son). Marco, inicialmente, empregou un exemplo ao que asiste habitualmente para poñer de manifesto o labor da muller, falando dunha señora que ve a miúdo como traballa unha extensa leira fronte á súa casa, que labra, sementa, recolle e coida; e mesmo noutra próxima, tarefa que ás veces da moito froito, outras menos, e algunhas, ningún, pero ela segue ano a ano traballando en silencio.

Puxo en contexto a figura de María Vinyals, cando as mulleres recibían a chamada «educación de adorno», que era a mínima necesaria en tempos nos que se pensaba que a súa función era pouco máis que coser as camisas dos maridos. Falou de como Vinyals abriu os ollos e accedeu a unha extraordinaria formación que a levou a aprender cinco idiomas e desenvolver un feixe de actividades creativas, crear empresas e incluso sacar tempo para loitar polos dereitos das mulleres.

Pechou o acto a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, agradecendo que o seu municipio fose elixido para o desenvolvemento dun acto tan emotivo e que ela tivera a oportunidade de participar nel, a carón da que foi mestra súa en Maxisterio, a propia Aurora Marco. Rematou avogando pola consecución da igualdade.