Necrolóxica en Carnota

Olegario Sampedro NO FUSCOLUSCO

CARNOTA

Padres y alumnos se concentraron en la plaza de Galicia de Carnota
Padres y alumnos se concentraron en la plaza de Galicia de Carnota

31 oct 2024 . Actualizado a las 10:47 h.

Dende neno conservo unha particular fascinación polos documentais televisivos nos que analizan polo miúdo os rituais de apareamento animal. De forma repetida, o guión é sempre o mesmo: o macho desprega un atraínte e multicolor catálogo de sinais sedutoras que, con frecuencia, a femia ignora. O luns lía neste xornal a protesta dun colexio en Carnota onde se representaba un enterro como símil do que, no seu entender, ía suceder polos recortes sistemáticos que levaban anos padecendo. Pido desculpas se a comparación poida soar frívola ante a seriedade e gravidade do asunto, pero atopei certa similitude con aqueloutro cerimonial animal. Cada inicio de curso escolar, asistimos a un triste e clásico encontro: abondosas e xustificadas manifestacións de queixa por carencias nos centros educativos públicos do noso país e unha desdeñosa ausencia de resposta por parte da Administración.

No meu modesto comprender, teño claro que ambos os actores xogan no mesmo campo e posúen idéntico interese: o mellor para o presente e futuro do noso ensino. Entón, cal pode ser a causa desta habitual e xorda contestación dos administradores? Non posúo nin a máis leve sombra de dúbida: o medo ao poder da disidencia e da protesta. A cesión ante unha xusta reclamación é entendida, por algúns, como unha derrota, unha debilidade e un fracaso. O xerarca da tribo, en público, non se debe mostrar nunca condescendente aínda que, con posterioridade, nun alarde de finxida magnificencia, envíe regalos innecesarios. Unha demostración máis da súa ditatorial superioridade: mando eu, e cando eu decida. Entendo que a etioloxía do comportamento animal non pode explicar o das persoas. Somos a especie máis complexa e, non obstante, a máis necia da creación. Interpretar que unha solicitude de recursos para mellorar a calidade da educación dun colexio resulta unha insignificancia innecesaria é a proba do 9 de que somos estultos. A evolución concedeunos o cerebro máis desenvolto da natureza pero seguimos utilizándoo como simios e non como humanos.

As novas necrolóxicas, coma a morte lenta dunha escola, nunca nos deberan deixar indiferentes como comunidade. Embruteceriamos... aínda máis.