Guadalupe Vázquez, a escritora que recupera os «tesouros lingüísticos do rural»

Celia Riande García
Celia Riande RIBEIRA / LA VOZ

CARNOTA

Cedida

A autora carnotá presenta a súa primeira novela, «Conto de Quilmas»

08 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A terra onde se nace pode significar moito máis que un simple punto xeográfico de orixe. É posible que marque aspectos como a fala ou as tradicións, isto é, a cultura de todos os que viviron nela aínda que, por decisións propias ou circunstancias da vida, non poidan quedar. No caso de Guadalupe Vázquez, quen se considera «un pouco de todas partes», as súas raíces carnotás marcan parte da súa identidade, aínda que a maior parte da súa vida a pasara afastada da súa terra.

Porén, os seus anos en Quilmas da man dos seus avós, antes de marchar a Estados Unidos cos seus pais, deixarían unha fonda pegada na escritora, que agora presenta, precisamente, a obra Conto de Quilmas, que malia recibir ese nome, encaixa baixo o xénero de novela.

«O nome engana. Non ten nada de infantil, xa que parte dun traballo de recompilación de palabras ou expresións que están en risco de perderse e a evolución que viven». Así define Guadalupe Vázquez a súa nova obra, aínda que non é a primeira: «Eu xa fixera algún libro de literatura infantil. Encántame escribilos, aínda que sempre digo que son aptos para todos os públicos».

Emotiva presentación

A presentación de Conto de Quilmas nun salón de actos ateigado de xente en Carnota, co apoio do alcalde, Juan Manuel Saborido Rama, foi, como o denomina a propia Guadalupe Vázquez, un dos días máis especiais da súa vida: «Contei cun marabilloso público, foi moi emotivo. Ademais, a agrupación musical Chan das Lamas deleitounos cunha actuación ao final do acto. Gardo ese día na miña memoria e no meu corazón».

En canto á novela, malia que sexa un estudo das palabras, o certo é que se trata dunha obra que reúne todo o que move a Guadalupe Vázquez: «Componse dunha reivindicación das mulleres, dos nosos maiores, dos tesouros lingüísticos, da sabedoría do rural, da lingua e as tradicións. Mestúranse temas como a Guerra Civil, o Quilmas do 1985 ou elementos de ficción e autobiográficos».

En canto a como lle deu forma Guadalupe Vázquez a esta mestura de temas, o certo é que a autora decidiu adaptar o formato para atraer a un maior número de persoas ao estudo da lingua que agocha Conto de Quilmas: «Empecei a escribir a historia no 2009, pero quedou esquecida no tempo durante unha década. Volvín dar cos folios que quedaran abandonados, e por recomendación do meu marido, optei pola novela en lugar dun estudo morfolóxico, gramatical e semántico, porque buscaba que puidera chegar a un público máis amplo, é dicir, a todo tipo de perfís, non só aos que estudan este campo».

Obras infantís

A profesora carnotá, que sinte paixón pola docencia, xa conta con varios libros infantís ás súas costas. Trátase dunha serie de obras que teñen como primeiro exemplar Chouta, Saltarín!, que conta cun saltón como protagonista: «A idea era que os nenos se movesen, que canalizasen a súa enerxía, por iso o saltón. Eu dou clase a cativos de todas as idades, e por iso xurdiu este obxectivo. Despois, xa pensei en ambientalo na nosa zona, e o segundo exemplar xa se sitúa na área de Fisterra. Por último, o terceiro ten lugar no monte do Pindo, xa na comarca».

Aínda que acaba de publicar a súa novela, Guadalupe Vázquez atrévese a adiantar que prepara unha nova obra que nada ten que ver con Conto de Quilmas: «Está en camiño outro libro que non é adulto, pero tampouco ten saltóns. Encaixa como obra infantil, e será unha reivindicación do rural, un canto de amor á terra ambientado en Mazaricos».

Malia que a autora non viva en Carnota dende hai anos, o certo é que Guadalupe Vázquez recoñece sentirse fondamente unida ás súas orixes, algo que reflexa continuamente nas súas obras mediante a ambientación das tramas e as temáticas que as compoñen: «Vivín en moitos sitios distintos na miña vida, pero a miña familia é de Carnota polos catro costados, aínda que sexa filla da emigración. Por iso, eu síntome de aquí e aínda que xa non resida en Quilmas, aí está o meu corazón».