Ruta do Bico do Santo: Entre a natureza e a historia de Carnota

L. Veiga RIBEIRA / LA VOZ

CARNOTA

CEDIDA

O percorrido vén de ser acondicionado para mellorar a súa accesibilidade

08 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O sendeirismo conquistou moito terreo nos últimos anos. Por isto, os concellos levan xa tempo adecuando as rutas coas que teñen a fortuna de contar, para namorar tanto aos habitantes locais como aos turistas que podan chegar. Neste sentido, Carnota, a pesar de ter unha poboación reducida, conta cun bo número de itinerarios dos que pode presumir, que ademais se dividen en varios niveis de dificultade para abranguer todo tipo de afeccionados.

Unha das últimas rutas en ser acondicionada é a do Bico do Santo, un percorrido circular de tres quilómetros e de dificultade moderada: «Xa existía un acceso ao cumio, pero era un percorrido lineal, agora comeza e remata en Lamas de Castelo. Tamén decidimos colocar unhas cordas de suxeición xusto na subida ao Bico do Santo, porque hai unha costa empinada e con granito que a converte na zona máis perigosa da ruta», explica María Lago, técnica de Turismo do Concello de Carnota.

Alén de facilitar o acceso para a maior parte dos visitantes, agora este itinerario tamén conta cun panel de inicio onde vén detallado todo o camiño e con prazas de aparcamento acondicionadas grazas a unha subvención da Xunta para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas para os concellos de menos de 10.000 habitantes.

O principal atractivo desta senda son as vistas, xa que dende o cumio se pode obter unha panorámica das marismas e da praia de Carnota, pero tamén se chegan a contemplar o monte Pindo e Fisterra. «É unha ruta que creo que vai ter moito éxito no verán porque ten as características ideais para esa época: é curta e transcorre baixo as árbores, polo que sempre hai sombra. Por exemplo, percorrendo o Pindo vas atopar sol en todo momento», sinala Lago.

A chegada arriba non ten o horizonte como único premio, senón que este cumio tamén constitúe un punto importante na historia do municipio: «Antigamente foi unha torre de vixilancia. Despois, sobre as ruínas desa fortificación, construíuse unha pequena capela en honor a San Sebastián, posteriormente derrubada polas tropas napoleónicas. Nestes momentos hai unha cruz feita por un veciño de Pedrafigueira cunha placa que leva un texto escrito por el», relata a técnica.

Ademais, María Lago engade outros atractivos que poden atoparse neste camiño como son as ruínas dun antigo muíño de auga ou unha ponte de madeira que atravesa algún dos pequenos regatos que se suceden durante toda a vía: «É unha contorna moi acolledora e, unha vez que acadas o cumio, na cruz, as vistas son un auténtico espectáculo».

Máis camiños

A quen esta ruta de tres quilómetros lle saiba a pouco, o percorrido do Bico do Santo conecta con outros itinerarios que poden completar o día. O que ten máis sona é o da fervenza de Pedrafigueira.

Este percorrido ten unha distancia de dous quilómetros, comezando a escasos metros de onde está situado o panel de inicio do Bico do Santo e rematando en dita fervenza. Neste caso, o itinerario conta cunha sinalización mínima.

A fervenza é un pequeno salto de entre 10 e 12 metros que, neste primeiro tramo, conta con moi pouca profundidade, o que non a fai apta para o baño. Un pouco máis adiante atópanse unhas pozas frecuentadas polos rapaces locais, pero trátase dunha vía pouco accesible pola que hai que pasar entre rochas.

Por outra banda, para quen desexe unha actividade máis intensa, existe a denominada Senda Verde, outro itinerario circular con saída e chegada na antiga escola unitaria da Gándara. Neste caso, o percorrido consta de 14 quilómetros nos que se suceden os camiños forestais, os acantilados ou as fincas gandeiras.

Seguindo esta vía, na que tamén se pode apreciar a panorámica da praia de Carnota dende outro punto de vista, os camiñantes poden achegarse a distintos lugares emblemáticos do termo municipal como o miradoiro e o hórreo de Lira ou o faro de Lariño.